Si claro, refírome a esa idea tan estendida por épocas e entre algunha poboación de que o amor “verdadeiro” e “como debe ser” ten unha serie de regras e características que hai que cumprir para ser plenamente feliz e gozar del ao 100%... e se non, non é amor nin é na.
Entre algunhas das súas características, conforme inventaron os seus artífices, están as seguintes: que en moitas ocasións xurde de inmediato, como unha predestinación; que toda a vida ten que xirar en torno a esa persoa, o resto tanto ten; que hai que facer todo o que sexa pola parella obxecto dese amor; que debe ser permanente e inmutable ao longo do tempo, pois se non, deixa de ser comodebe ser; que se non amas como se estipula nas regras establecidas entón en realidade é que non amas de ningún xeito e iso non pode ser, é terrible, o peor que podería pasar a dúas persoas nunha relación sentimental... E moitas máis regras semellantes.
En teoría a idea máis “moderna” de amor romántico implica as mesmas esixencias para homes e mulleres (incluso haberá quen chegue a concibilo entre persoas do mesmo sexo, que avance!) aínda que diría que na práctica segue a haber as desigualdades de toda a vida, xa sabemos...
Sempre me choca a frase de: “non estou/non estás namorado coma antes”. Esa frase indica (diría que sempre, aínda que a min non me gusta ser así de categórico porque creo que non hai sempres nin nuncas, hai unha maioría das veces ou incluso unha inmensa maioría, pero tamén hai excepcións habitualmente) pois, como dicía, esa frase indica “case sempre” (jeje) que as cousas van mal na relación. En realidade, analizada estritamente, indica que se segue estando namorado pero distinto, e así pode ser efectivamente. Pensade se calquera das vosas relacións –de amizade, familiares, profesionais, etc.- continúan sempre iguais. Non, non seguen, xa volo digo eu. Todas as relacións están en continuo cambio por leve e pouco apreciable que sexa, polo menos a curto prazo. Polo tanto esa idea de que para que unha relación sexa satisfactoria ten que se manter como os primeiros días é unha total falacia, e unha merda (desculpando). Trae máis problemas que beneficios.
Ao final eses casos poderían definirse como un problema de sincronización, cando as dúas persoas non están no mesmo punto no mesmo momento. A pesar de que iso non tería porque ser o terrible fin, pode ser unha dificultade momentánea, e aí vai ser importante ter a amplitude de miras que a definición de “amor romántico” non contempla.
Ademais, cantas parellas non están en determinado momento, pasado xa tempo, bastante mellor (e distinto, tamén é certo) que nos primeiros días “idílicos” da relación? aínda que o rollo que teñan sexa moi distinto. Pretender que todo siga como neses primeiros momentos, xa aviso, é darse cabezazos, pero con moitas ganas, contra unha parede de granito.
Non vexades a cantidade de persoas que se amargan a vida por non cuestionarse ou poñer en dúbida certos conceptos que se dan por correctos e infalibles respecto ás relacións de parella. Ideas sobre como “debe” ser a relación. Mirade que o amor é coma as persoas, que non hai dúas iguais, saber esto peréceme algo básico para non flipar demasiado con estas cousas.
Unha relación será como cada un a vaia vendo (aínda que inevitablemente haxa ideas previas), pois como xa dixen está en cambio contínuo por lento que sexa, como a duna de Corrubedo. Obviamente ao ser cousa de dous hai que ir intentando adaptarse mutuamente mentras poida ser así. Porque pode chegar un momento en que algo cambie para unha das dúas partes ou para as dúas en conxunto (aínda que esta sincronización non é habitual, se fora así habería moitas máis rupturas menos traumáticas).
Na vida real tamén pode pasar que non coincidan as malditas expectativas de algunha das dúas persoas implicadas sobre o que espera da relación; pero coidado, iso non é amor romántico, porque no verdadeiro amor romántico si ten que pasar iso: a expectativa debe cumprirse, os dous queren o mesmo ao mesmo tempo e do mesmo xeito. E se non é así unha das dúas partes deberá sacrificarse para que a relación continúe como se espera que debería continuar –a abnegación é outra das importantes características a cumprir-. A ver a quen lle toca o sacrificio a maioría das veces...
Hai pouco alguén me falaba do fin dunha relación, a esa persoa custáralle bastante poñerlle fin porque queras que non eran uns cantos anos coa outra persoa e aínda que descubríu que non quería seguir coa relación, tíñalle moito afecto e se preocupaba pola outra persoa. Pasouno realmente mal (incluso somatizou e pensou que tiña algo grave no estómago) ata que identificou o seu malestar e foi o suficientemente honesta e valente para rematar e non continuar de calquera xeito, como por exemplo facendo o paripé de que a cousa funcionaba, para non “lastimar” á outra persoa. Esto último, continuar por inercia, tería sido moito peor para os dous e bastante insostible, por outra banda. Cando unha relación remata sempre é jodido, incluso para quen toma a iniciativa de romper.
Cuestionarse as cousas é importante, darlle unha volta a ideas que nos meten desde pequenos (ou desde non tan pequenos), ser críticos non é malo, é de persoa curiosa, interesada, inquieta, que lle gusta aprender e pensar por si mesma. Eu penso que debería ser algo básico en calquera persoa... pero é unha opinión que moitos non compartirán, sobre todo os que vexan os seus intereses afectados (... así nos vai en moitas cousas).
Todo esto ten chicha, estou pensando en escribir “o amor romántico II”... ou igual fago unha saga incluso.
Comments