Todos e todas tivemos e temos ocasións nas que non facemos algo pola simple razón de que cremos que non nos vai saír ben ou que non podemos. Pois vale, é elección de cada un. É malo? Por que vai selo?
O que pasa é que se decidimos probar a facelo pode ser que abramos o camiño a algo novo, e se non, pois non, quedamos como estabamos.
Cando alguén ten unha sensación de “medo”, “precaución”, “respecto”, “inseguridade” (cada un pode chamarlle como prefira), ante determinada situación, o máis probable é que medite máis ou menos a fondo se pode enfrontarse a ela. As conclusións ás que chegue permitirán tirar para adiante ou recuar a tempo. Tirar para adiante non implica ter éxito, podes telo ou non. Recuar implica non ter éxito, pero tamén non expoñerse e poder quedarse “tranquilamente” como estabas.
A ignorancia ás veces pode ser unha gran vantaxe. Se alguén non ten o concepto de que algo “non se pode lograr” non se ve influído ou influída pola suposta idea de que non pode, xa que ese coñecemento moitas veces limita. Polo tanto, se non posúe esa idea pode ter, en principio, máis probabilidades de conseguilo xa que polo menos probará a facelo. É como na tira de Garfield en que o can (Odie) está subido con Garfield a póla dunha árbore e o dono dille que que fai alí subido, que os cans non poden subir ás árbores, o que fai pensar a Garfield que precisamente a ignorancia dese feito é o que lle permitiu facelo. Pero cando cremos que non imos poder facer algo, xa nin o intentamos. Aquí a clave é “crer” en que non se pode conseguir ou “crer” no contrario.
Cando non sabemos o resultado seguro de algo, pode ser que nos dea por probar, entón hai dúas posibilidades: conseguilo ou non. Se o conseguimos, xa sabemos que podemos acadar ese resultado, ou incluso mellores, grazas ao efecto práctica (tendo en conta que, como na vida en xeral, tamén hai veces nas que pode non saír totalmente como esperamos a pesar da práctica). Se non o conseguimos ábrense de novo na nosa mente outras opcións: repetir o intento unha vez máis, ou x veces máis se nos dá o punto de ser uns botados para adiante; ou voltar ao punto inicial: pensar que non podemos, co engadido de que está “corroborado” por unha experiencia en contra.
Algo importante en todo este asunto son as metas ou obxectivos que nos poñamos. Non debería ser unha meta de branco ou negro, isto só nos limita máis, é moito máis práctico e natural meterse na gama de grises, xa que as situacións coas que nos atopamos na vida cotiá clasifícanse nunha gama ben ampla. A flexibilidade neste aspecto sempre vai ser un punto a favor.
Na miña opinión case calquera pode facer case calquera cousa se o intenta, e logo está o plus de crer que si se pode chegar a facer, esa crenza suma moitos puntos. E aquí atopamos de novo outro factor importante: a constancia. Se intentamos aprender a tocar un instrumento, por exemplo, e despois de pouco tempo abandonamos porque queremos que todo vaia máis rápido... alá foi todo ao lixo.
O peor de todo é ter a idea preconcibida de que non se pode, cando en realidade nunca se intentou. E tamén hai que ter en conta que se dan ocasións nas que antes non podiamos facer determinada cousa pero co tempo adquirimos outras habilidades ou experiencias que poden axudar a logralo se o intentamos agora.
En definitiva, sempre hai cousas que podemos facer pero nas que nós mesmos nos limitamos por distintos motivos: crenzas, experiencias anteriores “fallidas”, falta de perseveranza... Aínda que por outra banda, se non se ve necesario facer algo ou iso non nos parece unha limitación, pois para que te vas matar... En moitas ocasións non é bo forzar a máquina.
Simplemente ter esta información: saber que en moitas ocasións nos autolimitamos sen “motivos” congruentes, pode axudar a que nos animemos a intentar cousas, se nos apetece facelo.
Comentarios