top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Intención e efecto


Sempre me río, aínda que sexa mentalmente, cando lembro algunha escena das miñas comedias favoritas. Hai un anaco botei unhas risas ao lembrar cando en “A vida de Brian” (Terry Jones 1979) Brian ten encomendada a tarefa de facer unha pintada en contra dos ocupadores romanos, o famoso “romani ite domum” (romanos go home!). Imaxino que a gran maioría de vós xa a coñece, pero por se hai alguén que non: espóiler!!! en plena pintada nocturna e aleivosa aparece unha patrulla romana e o xefe da mesma, sen tomar outro tipo de consideracións pola situación coa que se atopa, só ten ollos para as faltas ortográficas que observa; entón decide corrixir semellante atentado á súa lingua e ordena a Brian que escriba a frase correctamente... cen veces!



Ben, vese claramente o título do post nesta escena da película: a idea do romano é simplemente corrixir unha pésima frase en latín pero o que logra é un efecto subversivo total: un edificio enteiro cheo da mensaxe anti-romana. En fin, neste caso, para ser xustos, tamén consegue que a sintaxe sexa a correcta.


Cando facemos calquera cousa facémola cunha intención máis ou menos concreta e que nós temos bastante clara. Cando facemos algo que inclúe ou afecta a outras persoas, normalmente tamén parécenos unha situación clara, inequívoca en moitas ocasións. Pero as relacións humanas non son unilaterais (se non xa non é unha relación) e o que ven ou perciben os demais poucas veces ou nunca está nas nosas mans. Non temos o control sobre as súas mentes como para asegurarnos de que van entender exactamente tódolos motivos que nos levan a facer... o que sexa que fagamos.


Unha persoa ten que presentarse a un exame moi importante para o que leva preparándose duramente durante bastante tempo, un amigo pensa que pode estar nerviosa e ocórreselle dicir: “iso está chupado, non tes nin que preocuparte”. A idea é dar ánimos, tranquilizar e apoiar á outra persoa, pero quen o escoita pode pensar que anon se valora para nada o seu esforzo (que foi enorme), ou que igual o outro ten razón e entón estar nervioso ante unha proba moi fácil demostra a inutilidade dun mesmo á hora de estudar e de valorar as situacións (aínda que isto vai depender de como se perciba a si mesma esa persoa ou como teña o día).


Tamén pode pasar que un membro dunha parella ten a sensación de que a outra persoa está nerviosa porque é o seu primeiro día nun novo traballo (e algo nervioso sempre vas estar, é o lóxico) e decide facerlle un comentario para animala: “Veña oh, mira que non tes pasado centos de veces pola mesma situación, deberías estar acostumado”. Centos de veces pola mesma situación!! Polo tanto estame a dicir que non consigo manter un emprego máis que unha curta tempada!!??


Sobre todo é máis probable tomar as cousas dun xeito semellante cando un está máis nervioso do normal debido ao importante ou excepcional da situación. Son momentos nos que podemos ser máis “viscerais” debido ao estrés e pensar menos na verdadeira intención do outro, son momentos nos que non estamos para “sutilezas”.


Este tipo de situacións pode crear unha discusión ou calquera tipo de incomodidade con bastante facilidade en caso de darse as variables necesarias: malos rollos previos, inseguridade, situación considerada de grande importancia para o futuro, etc.


En moitas ocasións penso en momentos como eses, nos que tódalas persoas nos temos atopado innumerables veces ao longo da vida, en gran medida porque forma parte do traballo; hai pouco lembreime de novo cando lin unha frase: “Como hacer el bien... mal”, e volvinme lembrar esta semana nunha sesión de terapia pois dábase unha situación tal cal. En realidade pénsoo con certa frecuencia xa que é algo presente na vida humana, diría que é case inseparable de nós, ou incluso, en determinadas circunstancias, que estamos abonados.


Ben, isto non quere dicir que teñamos que andar pensando continuamente o que dicimos ou facemos e como o van tomar os demais... vaia estrés, sería como para tolear... Pero si podemos telo en conta en determinados momentos, e se nos damos conta antes quizais poidamos evitalo, e se nos damos conta despois quizais poidamos corrixilo ou explicalo ou minimizalo.


Ás veces non hai porque “axudar” aos demais a sentirse ben, basta con escoitalos. Se non teñen un problema grave e duradeiro o máis probable é que necesiten soltar lastre, e se teñen un problema do que non conseguen saír igual é momento de visitar a un ou unha profesional (da psicoloxía).

64 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page