top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

NON HAI UN SÓ CAMIÑO

Coa maioría das cousas e situacións chungas, incómodas, problemáticas, etc. que nos poden suceder ao longo da vida, podemos tomar múltiples medidas de control, redución, eliminación ou incluso “mutación” (cambiar a situación por outra diferente que joda menos, vamos). Non existe UNHA maneira de solucionar as cousas. Por sorte para nós a solución de innumerables problemas pode ser amplísima, se non iríamos dados, pois se só houbera unha e non a atopamos....


Por suposto non é fácil, habitualmente, dar coa forma máis axeitada, ou simplemente cunha forma aceptable de cambiar as tornas das cousas que nos molestan ou que incluso sentimos que nos incapacitan ás veces.


Este verán durante unha cea na horta coa miña curmá e uns colegas saíu unha conversa (que por sorte lembro) que foi moi interesante e xa no momento pensei que me daba para escribir algo sobre o que se estaba a falar e cousas relacionadas co tema, e aquí está.

Xurdiu o tema de xente fumadora que deixara o hábito. Algunha contou a súa experiencia e tamén saíron historias que coñecían de outros. Por exemplo unha colega contou que ela quería deixar de fumar pero o pasaba fatal cando vía a alguén fumando, sobre todo na oficina porque case todo dios fumaba, e daquela aínda non había as leis antitabaco, polo tanto fumábase en toooodas partes. Sentía un agonío do copón porque, aínda que ía podendo deixalo grazas ao convencemento que tiña, era un calvario ver a todo cristo fumar, un tras, outro durante as 8 horas de traballo. Ocorréuselle facer algo bo para o seu corpo cada vez que tivera ganas de fumar e decidiu que cando fose así bebería un grolo de auga. E alí se presentaba a nosa colega coa botella de auga de 2L. tódolos días no curre. Custoulle e sufriu (hidratouse un mundo tamén) pero ao final conseguiu deixar de fumar.

Tamén contou a miña parella o caso dun veciño dos seus pais que foi ao médico en certa ocasión (das poucas veces que foi o señor ao médico) e o médico preguntoulle se fumaba, e el díxolle que si, que dende neno, o médico levouse as mans á cabeza. O señoriño viu ao médico tan preocupado que lle preguntou se fumar era malo e o médico díxolle que por suposto e que canto máis tempo fumara un, peor era. Pois foi saber que era unha conduta tan prexudicial, que o deixou dun día para outro, así, sen máis. A este mesmo individuo tamén lle dixo o médico noutra ocasión que beber moito alcohol tampouco era bo, e ídem, deixouno dun día para outro. A inmensa maioría non temos esa facilidade que parecía mostrar este home, el descubría que algo era malo para a saúde e deixábao nun pispás.

Outra das persoas que estabamos alí fixo un método de redución de cigarros. Decidiu un número deles para fumar ao día e durante unha semana non o excedía, e a semana seguinte reducía un, e así fixo ata fumar un por día. Se lle custaba moito unha semana, repetía o mesmo número de cigarros a semana seguinte (ata que chegou a 5 non tivo demasiado problema e non tiña que repetir a mesma cantidade). Cando chegou a un pensou “para un que fumo... paso xa e non fumo ningún”, e ala, feito.


Ben, estes son algúns exemplos, que están todos relacionados coa conduta de fumar (e beber no caso do señor con superpoderes para deixar “adiccións”) pero que dá igual coa conduta que estean relacionados, o tema aquí é que non hai só unha forma de facer as cousas e de solucionar problemas ou cambiar condutas, se non que pode haber un sinfín delas, a cuestión é atopala.


Como dixen ao principio, iríamos dados se só existise unha forma, A FORMA. Haber hai xente que si cre isto, incluso profesionais, o cal creo que é un problema para el e os seus pacientes/clientes/usuarios.


O feito é que o xeito en que levemos a cabo unha acción encamiñada a solucionar algo que nos agoníe, é importante que se adapte o máis posible a cada un e a como esa persoa interpreta o mundo, a como ve as cousas e a o que cre con respecto ao problema, pois será así máis fácil que se non cumpre esas condicións. Por isto mesmo, a idea de que existe tal forma concreta de arranxar tal problema concreto, a min paréceme que pode chegar a ser un problema peor. Por que se o fas dese xeito e non funciona... fin, nunca atoparás solución.


Tamén é importante saber, e que ademais creo que reforza a idea da que estou a falar, que o que valeu para unha persoa pode non servir absolutamente para nada a outra. Así que se alguén de vós decide deixar de fumar a base de beber auga cando teña ganas dun cigarro, ou reducindo un a un cada semana o consumo, pode ser que non lle funcione.


Aínda que tamén se dá o caso de que a solución para unha persoa pode valer para outras (a mesma solución ou variacións). E pode ser tamén que unha solución que funcionou unha vez non sirva para sempre.


En definitiva, falando de moitas posibles solucións a un mesmo problema: “they are out there”, como dicía o póster da oficina de Fox Mulder, ou como cantan Samesugas.

24 views0 comments

Recent Posts

See All

Comentarios


bottom of page