top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

O egoísta perfecto

EGOÍSTA, EGOÍSMO. Que palabra máis fea... que mal que haxa xente egoísta. Cando alguén é tachado de egoísta vai ser unha das peores cousas que lle poidan chamar. É do peor que pode ser un ser humano...


Pois mirade, vou estar de acordo en parte, nada máis. E só ás veces, outras non.

Hai moitas palabras que xa levan asociado intrinsecamente un mal rollo que para que... unhas connotacións implícitas e absolutamente negativas, sen oportunidade de redención posible.


Pero nas palabras resulta que pode haber interpretacións e características que non se contemplan nunha definición básica, nunha definición de dicionario poderiamos dicir, ou simplemente no concepto que a maioría das persoas van manexar.



Tamén moitas veces as palabras, ou o seu posible significado, manipúlase para beneficio propio ou úsase para quedar mellor que outra persoa. Así pasa cando a alguén se lle cualifica  cunha palabra pexorativa e desprezativa con intención de crear unha idea determinada (e por suposto mala) sobre ela. Aquí o sentido da palabra manipular úsoo no sentido total de mangonear, ou sexa: “realizar diversas operacións ou manobras de forma oculta para alterar ou falsear; tratar un asunto da maneira que máis convén aos propios intereses, sen ter en conta aos demais”.


Porque, con respecto á palabra que nos ocupa, egoísmo, dependendo dos intereses de cada un en cada momento podemos chegar a ver certo egoísmo onde mellor nos pareza a nós. Segundo por onde nos dea. Porque se, por exemplo, queremos algo, ou parte (xa non digo todo) de algo que outra persoa ten, e o outro non nolo dá, ou non o comparte... entón é un maldito egoísta que non merece cousa boa. Se somos nós quen temos o cobizado... pode que sexa diferente.


Cónstame que actualmente, xa desde algún tempo atrás, existe unha idea algo máis flexible respecto ao sentido que lle podemos dar ao egoísmo. En certo aspecto cambiou a súa consideración e se fixo algo máis amplo o abanico de condutas involucradas e as xustificacións á hora de “practicar” o egoísmo, xunto coas emocións que implican. En moitas ocasións non se usa cunha idea tan negativa como hai anos e incluso pode prescribirse certa actitude egoísta segundo as circunstancias.


Como con tantas cousas na vida, co asunto do egoísmo tamén é importante moverse coa idea de manter o mellor equilibrio posible, xa que podemos chegar a estar nun extremo ou no outro: ser alguén que nunca comparte nin ten en conta aos demais e ás súas necesidades, ou ser alguén que sacrifica o seu propio benestar para compracer a calquera que se lle cruce no camiño. Polo que unha opción intermedia pode ser practicar o egoísmo comedidamente. Pero sempre hai quen prefire as sensacións e emocións fortes sen darlle demasiadas voltas, e se cae por perder o equilibrio, pois caeu.


Hai que ter en conta, respecto a isto do equilibrio, que moverse nesa franxa intermedia implica perder e recuperar ese equilibrio case permanentemente: imaxinade a unha funámbula ou equilibrista nunha corda ou arame; non fai outra cousa que correccións case continuas, case a cada momento, para non caer da posición que pretende manter. O equilibrio implica o desequilibrio a cada instante; un instante estás en equilibrio, noutro o perdemos, para volver logo a recuperalo... Aí está a dificultade do equilibrio e o seu mérito, e resulta importante sabelo para non desesperar cando estamos no momento no que parece que o perdemos.


Hai uns meses tiven unha sesión na que unha persoa falábame de que por distintos motivos sentía que no momento actual da súa vida estaba sendo un grandísimo egoísta con moita xente achegada, e que non debería ser así porque o egoísmo non debería existir. Nese momento, e pensándoo un anaco, cheguei á conclusión de que pode ser absolutamente imposible para un ser humano non ter esa característica, que é algo que forma parte de calquera. Enseguida empecei a pensar no que esta persoa me dicía e a ver que incluso cando facemos algo que en teoría é unha conduta altruísta (Altruísmo: disposición que alguén ten para interesarse ou entregarse aos demais, mesmo sen ter en conta os propios intereses. Antónimo: egoísmo), pode que sexa unha parte máis de egoísmo. Pensade en alguén que ve que outro está en determinado perigo e se lanza ao rescate... a maioría da xente pensará que o fai cunha actitude totalmente desinteresada sen ter en conta o propio risco nin os intereses propios. Pero no fondo ben pode ser que, no fondo, como digo, a motivación sexa a seguinte: “Joder, se agora mesmo non intento axudar a esa persoa, non vou poder soportar o peso da culpabilidade o resto da miña vida, non podería vivir tranquilo nunca máis”. Dicídeme se iso en definitiva non vén ser unha actitude egoísta, pensamos en nós e o que vai supoñer para nós e a nosa conciencia, en como imos vivir a partir de aí se non facemos nada. Pensamos en nós.

Un “egoísmo eficiente” sería o que nos permite coidar de nós mesmos ao tempo que non descoidamos, demasiado, aos demais. Polo tanto non nos descoidamos de nós mesmos e tampouco facemos mal a outros.

18 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page