top of page
Search

O evitado pode ser a solución (nalgunha ocasión)

  • Writer: Carlos Vila García
    Carlos Vila García
  • Mar 20
  • 3 min read

Hai pouco nunha sesión, contáronme algo que pode resultar curioso a bastante xente, pero que aí está... esas cousas suceden.


A min realmente creo que non me sorprenden moitas historias, pódenme impresionar ou chocar ata certo punto pero o que se di sorprender... estou convencido de que non. Son dos que cren que calquera cousa pode pasar (sempre que as leis da física que manexamos os humanos a día de hoxe o permitan).


O tema foi o seguinte: esta persoa en concreto viña a terapia esperando arranxar a súa vida de parella, que de un tempo a esta parte parecíalle que non era moi boa, ou ela así o percibía. A sensación era de que algo tiña que cambiar na relación pero non sabía exactamente o que. En parte o que buscaba era aclararse para a continuación saber si se podía facer algo ao respecto. Estaba a desgusto, incómoda, coa idea de que non actuaba como “debería”. Sentía que o seu rol na parella, co tempo, pasara a ser como o seguidor dun líder, alguén súper insegura con case todo o que dicía ou facía. Resulta que a vida en parella era o único ámbito no que se sentía así, en outras facetas da súa vida era totalmente diferente. E isto era algo que non alcanzaba a comprender ben. Como podía ser tan distinta dunha faceta a outras? (iso é para outro post).



Falouse moito nas sesións e algo que esta persoa tiña bastante claro, ao principio, era que non chegara o momento de falar estas cousas aínda, porque iso propiciaría unha posible ruptura e iso era o último que quería. O seu desexo era cambiar as cousas pero seguir a relación. Para iso a súa idea, como digo, era non poñer sobre a mesa o tema, xa que iso podía propiciar un desastre: a ruptura.


Esta persoa cada vez ía aclarándose un pouco máis sobre o asunto: que buscaba na relación, como terían que ser algunhas cousas, etc. Con certas “manobras” das que falamos nas sesións empezou a facer cousas distintas e a ver diferenzas na conduta da súa parella, que ían polo camiño que a esta persoa lle gustaría. E entón... pasou! O inesperado, totalmente inesperado.


Chamou para adiantar unha semana a cuarta sesión, indicativo case sempre de algún tipo de crise que se facía difícil de manexar. Eeeefectivamente. Había alguén con quen tiña unha relación de gran conexión a varios niveis e que se portaba como necesitaba que o fixera a súa parella. A súa vivencia describiuna como “o que necesitaba”, sobre todo polo feeling coa outra persoa, e polo que lle proporcionaba a nivel emocional.


Esta situación fíxolle ver, nese momento, que a ruptura coa súa parella era algo necesario pois non tiña “o que necesitaba”. Incluso aínda que non volvera ver a esta outra persoa máis. Simplemente viu que a súa vida non era como quería que fose... e iso era motivo suficiente, non tiña a idea de cambiar unha persoa por outra.


A partir de aí enfocámonos en tódolos aspectos que virían a continuación (o contexto no que sería mellor expoñer a ruptura; o modo, sobre todo; as consecuencias para ambos; as posibles reaccións; a vida a continuación...).


Xa totalmente decidida e lanzada, soltou a bomba (tiña un plan sobre o mellor momento posible para facelo, que era moi coherente por certo) pero ao final foi antes do que esperaba (é difícil gardar algo así durante varios días, e seguir vivindo como se aquí non pasara nada). Falaron e falaron toda a noite, a súa parella non esperaba algo así. Foi moi duro para os dous pero foron moi moi civilizados. Despois da conversa e a ruptura consumada, e dadas as circunstancias, marchou da vivenda común.


Poucos días máis tarde... volveron xuntos!!! Están moi ben e van arranxando cousas das súas vidas que necesitaban ambos.


Toda esta información da ruptura e a volta xuntos deuma na mesma cuarta sesión, así: “Teño que contarte que ao final faleino e rompemos... E agora volvemos estar xuntos, e moi ben!”.


En ocasións alguén intenta evitar unha crise que considera fatal, e ás veces é esa crise a que se pode necesitar para dar unha volta total ao problema. Algo que esta persoa evitaba a toda costa: falar dos problemas e a mala sensación que tiña na relación, por se isto propiciaba unha posible ruptura, rematou (ao darse conta que o que realmente quería na súa parella non o tiña) na decisión de romper... E esta situación, a ruptura, á súa vez, máis  e o posterior período de separación durante uns días, rematou na decisión máis convencida aínda, de que querían seguir xuntos. O que pretendía evitar desde o principio, propiciou a solución.


Cousas como o que acabo de contar poden suceder nuns casos e noutros non, non hai regras. Ás veces pasan unhas cousas e outras non.


Son paradoxos da vida, que está petada deles.

 
 
 

Comments


bottom of page