Search
  • Carlos Vila García

Os malentendidos: un clásico

Canto ten discutido a humanidade por chorradas, porque crían, ou incluso “sabían sen posibilidade de erro”, o que estaba explicando o outro, cando en realidade falaban de conceptos diferentes pero seguían pensando que falaban do mesmo.


Que usemos a mesma lingua non quere dicir necesariamente que nos entendamos sen problema e que entendamos sen apenas posibilidade de erro o que nos están a dicir. Podemos crer que si, pero en moitas ocasións vai ser que non. Creo que era Oscar Wilde que dicía sobre británicos e norteamericanos que os separaba unha mesma lingua.


En relación a isto aprópiome (copio, entendámonos, que non se diga logo...) de algo que lin hai pouco sobre unha anécdota que contou John Locke nun libro: contaba algo así como que por aquela época (finais do século 17) houbo unha reunión de médicos ingleses na que discutiron durante moito tempo sobre se polo sistema nervioso circulaba un “liquor” (dicían eles), e non había forma de que chegaran a ningún acordo. Entón Locke preguntou que significaba “liquor” para cada un deles. Tomárono un pouco por gilipollas ao principio, pero logo aceptaron a idea de ver de definir a palabra segundo cada un e puxéronse a elo; resultou que uns entendían por “liquor” un líquido real, e non aceptaban que houbera líquidos no sistema nervioso; outros interpretaban a palabra como un fluído entendido como enerxía (electricidade), e estes si que estaban convencidos de que iso era o que circulaba polos nervios. Ante isto todos viron que falaban do mesmo e despois de tanto tempo discutindo chegaron a un acordo unánime a fume de carozo.

Moitas veces temos a sensación de que quizais non entendemos ao 100% de que nos está a falar alguén pero igual por corte, ou porque pensamos que en realidade non pode haber moita dúbida ao respecto, tiramos para adiante porque malo será... e logo máis tarde flipamos se nos decatamos de que non falabamos do mesmo e incluso alucinamos de como puidemos estar falando durante bastante tempo de cousas diferentes cando criamos que falabamos do mesmo. Porque incluso parecía ter sentido...


Hai momentos nos que simplemente non ter en conta, por exemplo, o contexto, pode levar a erros e situacións absurdas. Como no chiste (é un chiste e polo tanto ten altas doses de absurdo) no que alguén vai despistado pola cidade, está buscando por unha rúa en concreto e leva un plano na man ademais de que ten aire de non ser da zona. Entón ve a un paisano e achégase a preguntarlle, e dille: “Perdón, General Mola?”, o outro quédaselle mirando, pensa un chisco e dille: “Si home, pero mola máis Capitán General” (aínda hai rúas con nomes así...).


Ningún dos dous tivo en conta a situación no sentido amplo, o contexto: un deu por suposto que o outro sabería que preguntaba por unha rúa, e o outro non apreciou detalles como o plano, o despiste e as pintas de ser de fóra (ou de parecelo). A pesar de ser un chiste reflexa bastante ben a situación á que me refiro.


Pero claro, por outra banda non podemos andar a preguntar continuamente: “que queres dicir con...”, “estaste referindo a...”, para iso sería mellor deixar de conversar entre nós, porque sería esgotador, non sería fluído e nin tan sequera saberiamos moi ben xa de que falabamos pasado un anaco.


Na meirande parte das situacións sociais nas que mantemos unha conversa non hai estes problemas, ou máis ben non parece habelos. Por sorte xeralmente parece que somos bastante capaces de entendernos o mínimo como para facer cousas en común. Pero segue a haber, igual que sempre as houbo, e sempre as haberá, pequenas cousas que se nos poden escapar, aínda que o conxunto nos permita seguir adiante. Cantas veces vos ten pasado que chegades a acordos ou consensos pero quedan detalles que non vos cadran exactamente?


Imaxinade se non manexaramos unha linguaxe común...


Xa dicía un profesor meu que se as persoas nos entendemos é de “puñetera casualidade”.


Ben, aínda así non hai que ser alarmistas, en moitas cousas “parece” que si nos entendemos e non hai consecuencias catastróficas, polo tanto para a vida cotiá e para un gran conxunto de situacións podería valernos así, penso eu.


E para as que non vale, pois haberá que considerar se nos explicamos axeitadamente e se nos comprenden o que queremos transmitir.


18 views0 comments

Recent Posts

See All

Música