Ben, isto é a continuación de “Realidades 1” (obvio). Continúo a falar de como o noso cerebro pode percibir o mundo, sacando parte do contido da charla que din no CSC de Fontiñas en maio do pasado ano.
Como dicía, o cerebro ten formas de protexerse de demasiada estimulación e de traballar en exceso consumindo recursos esaxerados, é moi aforradoriño, o cal ten avantaxes e desvantaxes. Para esa tarefa “protectora” usa algo que podemos denominar FILTROS.

Os modelos de mundo, que é o que cada un de nós cremos e temos como certezas e que nos leva a actuar como actuamos e a opinar o que opinamos, créanse, en parte, a partir destes procesos neurolóxicos que chamo filtros (que non é unha denominación miña, cópioa de Víctor Amat, non sei se é súa ou se inspirou por aí).
Este concepto do “Modelo do Mundo” é moi importante xa que é a nosa guía na vida, actuamos conforme a el na maioría dos casos.
Hai tres filtros básicos que van condicionar como vemos as cousas que suceden ao noso redor: a omisión, a xeneralización e a distorsión.
A omisión consiste en que o cerebro desbota toda información non relevante, en concreto o que el considera non relevante en determinado momento. É un mecanismo que está, en certo sentido, pero non exclusivamente, relacionado coa atención. Por exemplo, se estamos aprendendo a conducir ou somos moi novatos, é moi difícil que captemos moitos estímulos “superfluos” que non estean relacionados con esa tarefa, estamos súper concentrados, como se só existira esa tarefa no mundo. Lembro que necesitaba tanta concentración nas primeiras prácticos da autoescola que perdía parte das indicacións porque o meu cerebro non as procesaba, pasaba delas porque non daba para tanto, podían dicirme “xira á dereita” que eu xiraba para onde cadraba, ou seguía recto, e poucas veces era a onde me dicía o monitor. Sacando o carné cheguei a pensar se tiña un problema de lateralidade (cal é a dereita e cal a esquerda). Aínda hoxe en día me pasa ás veces conducindo en tráfico espeso ou condicións complicadas que me centro tanto que teño que avisar a quen ma vaia falando que igual non me cosco ben de todo o que me vaia contar (ben por min primar a seguridade).
Pero este fenómeno da omisión non só ten que ver con tarefas de atención, tamén o podemos facer con datos que non consideramos importantes polo que sexa, aínda que para o que nos está falando sexan cruciais. Así entenderase perfectamente a distinta apreciación que dúas persoas terán ás veces da mesma situación.
A xeneralización é outro filtro que usa o noso cerebro. É unha ferramenta importantísima para aforrar esforzo cerebral, simplemente clasificamos informacións que teñen certo parecido como se fosen iguais, o cal pode levar a erros graves. Os prexuízos, por exemplo, son unha xeneralización. Se temos unha mala experiencia cun vendedor de coches de segunda man que ten acento madrileño e nos tanga e nos vende un coche de merda, é posible que polo proceso de xeneralización acabemos opinando que todos os madrileños son uns estafadores porque, para que procesar máis datos que igual son innecesarios e andar a meternos en detalles “nimios”? Ás veces cando xa tivemos unha experiencia, os datos semellantes a esa categoría xa van todos no mesmo saco. E se alguén opina igual ca nós sobre o mesmo, xa é un reforzo impresionante.
O terceiro proceso neurolóxico que filtra datos é a distorsión. Cando non temos algo claro, non nos cadra ou non nos gusta, o que fai o noso cerebro é metelo ou clasificalo nalgún sitio (porque soporta moi mal os baleiros), cambiando os “pequenos detalles” que fagan falta para que sexa “correcto”, e así o coloca onde cremos que debería ir, ou onde prefiramos segundo os nosos intereses. As explicacións que damos a determinados feitos poden ser distorsións. Por exemplo: unha persoa que estea “namorada” platonicamente e obsesionada con outra, e ao mesmo tempo estea convencida de que esa outra persoa lle corresponde máis ou menos, non vai ver unha manobra de afastamento e evitación evidentes por parte desa persoa como tal, se non que posiblemente asumirá (seguindo ese proceso da distorsión) que o fai por discreción ante as persoas que poidan estar observando, para que o seu “affaire” non sexa de dominio público.
Estas tres capacidades do noso cerebro son moi importantes á hora de procesar a información, e nos levan a conclusións que ás veces medio coincidirán coas de outras persoas e outras veces serán radicalmente diferentes. E como hai unha tendencia bastante habitual a crer que o que un pensa é o “normal”, cando non coinciden as visións doutras persoas coa nosa, é que os outros non teñen razón... pero a outra persoa pode pensar exactamente o mesmo, cal é entón a apreciación “correcta”?
Penso que ter certa información sobre este tipo de cousas pode ser de axuda á hora de entender a outros entes do xénero humano, ou polo menos a entender procesos de comunicación errada, ou igual non axuda un carallo e vos monta un cristo cerebral...
Comments