top of page

Escola de nais e pais

Ninguén nace sabendo como educar, imos aprendéndoo ao longo da vida. Aprendemos do que a nós nos ensinaron, aprendemos vendo a outras persoas, aprendemos lendo libros, etc.
Así mesmo existen diferentes maneiras de educar, algunhas moi diferentes a outras. Non ten porque haber unhas “mellores” que outras, simplemente preferiremos un estilo ou outro dependendo do que a cada un nos guste ou do que pensemos sobre cal é a maneira máis aceptable segundo a nosa educación, valores, etc.
Algúns dos temas que trataremos serán:
  • Ver que cousas positivas fan eles (non todo é negativo)
  • Confiar nas súas decisións
  • Non todo xira en torno a eles, vós tamén sodes importantes, hai que coidarse
  • Conseguir colaboración na casa
  • Bases para a negociación
  • Axudar nos seus estudos
  • Tempo libre
Grupo de nais e pais
No Centro de Psicoloxía Claves vemos a educación a nivel familiar (a educación que proporcionamos nós directamente as nosas fillas e fillos na casa) como un proceso no que o principal é formar a persoas respectuosas cos demais, que vaian adquirindo a independencia necesaria para desenvolverse por si mesmos e mesmas, e que logren definir uns ideais propios.
Por outra banda, e para lograr isto, as nais e pais tamén deben asumir que os seus fillos e fillas deben acadar a capacidade de ser independentes, e asumir, así mesmo, que cando chega certa idade o natural vai ser que o comportamento das súas fillas e fillos dea un cambio importante. Isto non ten por que significar unha dura confrontación con eles, precisamente veremos formas de levar os inevitables cambios do crecemento da mellor maneira posible tanto para pais e nais como fillos e fillas.
Neste obradoiro que propoñemos para nais e pais tentaremos, a través de varios medios, mellorar todo o posible a convivencia cos fillos na casa, axudar a que se convertan en persoas autónomas e responsables e ademais comprendelos un pouco mellor.
A idea principal é aportar unha serie de ferramentas básicas que poidan valer nunha variedade de situacións tratando de mellorar o ambiente na casa e as relacións entre os habitantes da mesma.
Non é o mesmo tratar con nenos e nenas pequenos que con adolescentes, pero ao utilizar formas de comportarse e actuar que poderiamos dicir que son básicas, pódese aplicar a distintas idades sen que haxa grandes diferenzas.
naispais4.png
Trátase máis ben de pensar e actuar dun modo que facilite os cambios necesarios para conseguir pequenas diferenzas que se vaian convertendo en grandes e apreciables.
bottom of page