Cando un bocoi de viño (ou outro líquido que poida ir en semellante envase) non bota como ten que botar e sae nada máis que un fío a todas luces insuficiente, existe unha solución que o pipote, bocoi etc. (o tamaño non importa...) xa trae incorporada: e espita.
A espita (pequeno cilindro de madeira que tapa o respiradoiro dunha pipa, un bocoi ou un recipiente similar) é unha solución xenial para que o líquido que hai dentro do recipiente poida saír con fluidez. Pode suceder que o líquido en cuestión se escaralle se queda dentro porque non dá saído como ten que ser e coa frecuencia axeitada, e ademais pode darse o caso de que escaralle tamén o propio recipiente.
Hai xente coa espita defectuosa ou que simplemente non a usa, incluso hai quen non sabe que a ten, ou que non sabe para que serve! E como a vida é un continuo (como un mando da intensidade da luz para regulala, e non como un interruptor de acendido/apagado), pois tamén hai quen non para de verter líquido sen ton nin son... ala, derramando o que sexa por todas partes e en todo momento. “In medio stat virtus” dicía Aristóteles, vamos, o que hoxe diríamos “nin tanto nin tan pouco”.
Como dixen máis arriba, pode ser que o que queda dentro se estrague e afecte ademais de ao propio contido tamén ao mesmo contedor. Xa teño noticia de situacións nas que alguén gardou tanto tempo algo sen soltalo que co paso do tempo ese algo foise avinagrando, e facendo máis grande, terrible e difícil de soportar dun xeito “normal”. Incluso como digo “creceu”, como alimentado polo feito de rumialo e rumialo, converténdose en algo que non era tan jodido nun principio como tempo despois.
Opino que o peor é cando tamén se escaralla o continente, o propio bocoi... nós mesmos. Aínda que aquí hai boas novas: igual que un bocoi de viño que se malogrou por avinagrarse o seu contido se pode restablecer e reparar, con nós pasa igual. Aínda que a diferenza pode ser que nós solucionemos o asunto e continuemos adiante pero quedamos co recordo da situación (que agradable non será) e ao barril non creo que lle pase exactamente igual.
O que hoxe falo de abrir a espita, de soltar un pouco as merdas que levamos dentro, de falar das movidas que nos perturban, pode ser bastante parecido a ir a algún ou algunha psiquiatra. Voume explicar pero antes teño que aclarar que neste mundo hai de todo, de-to-do. Hai xente que pode necesitar medicación en algún momento para reducir certos síntomas que llo fan pasar mal e supoñen ademais problemas con outras persoas, ou outras persoas pódense ver afectadas por determinadas conductas deles. Dacordo. Pero a medicación por si soa non supón o verdadeiro amaño do problema. Se non se combina con determinados cambios na conduta ou cambios cognitivos que leven a auténticas diferenzas na vida da xente e como se relacionan coa súa contorna, xa poden estar medicados toda a vida que pouco máis vai cambiar.
Pois pasa algo moi parecido cando soltamos as nosas angustias, e as nosas merdas e as compartimos cos demais. Pode ser que nos proporcione un alivio e unha descarga importante no momento e que incluso poidamos quedarnos bastante tranquilas unha tempada, pero iso, en realidade, non cambia a situación maiormente, nin impide que nun tempo esteamos igual que antes. Haberá que combinalo con outros elementos que axuden a modificar cousas, condutas, ideas, crenzas, etc. se non estaremos na mesma situación durante bastante tempo, polo menos ata que FAGAMOS algo DISTINTO. Ou incluso ata que pase algo sin a nosa participación directa; a típica (que non mítica) actitude de esperar a ver que pasa pero eu non fago nada...
Outro aspecto moi importante de abrir a espita e soltar fluidamente o que hai dentro, é que non se pode andar derramando ao chou, continuamente e en calquera contexto. Cada cousa, normalmente, ten o seu momento e o seu lugar. E ademais tamén é bastante importante a quen facemos partícipes do tema, non se lle vai contar a calquera (que hai quen o fai), nin sempre á mesma persoa (pois poden acabar ata os collóns/ovarios de nós e joderse unha relación que era interesante e importante). Hai pouco contaba unha clienta que en parte viña para non darlle a “chapa” sempre á mesma persoa porque cría que se estaba a resentir a súa relación por ese motivo; buscaba tamén certos cambios que axudaran en algo a cambiar a súa actitude.
En definitiva, si que é necesario meter un pouco de aire no pipo para poder soltar algo do que levamos dentro e nos causa malestar, pero o Centro de Psicoloxía Claves recomenda o uso responsable da espita fóra do espazo de terapia.
Comments