top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Alternativo versus complementario

Á hora de enfrontarnos a unha infinidade de dificultades ou problemas que se nos presentan ao longo da vida podemos atopar distintas formas de intentar esquivalos, solucionalos ou aturalos. Porque a cabrona da vida é así: dificultades e problemas que alternan con momentos máis tranquilos, momentos de relax e incluso de gozo (... que pode parecer que non, pero como as meigas, habelos hainos).


Un pequeno inciso sobre isto que acabo de dicir no parágrafo anterior: si, aínda que esteamos nun momento ben fodido hai momentos máis tranquis e nos que o mal rollo non está presente claro que, nesas condicións, cando a merda nos rodea, custa máis velos. Pero están.

Ás veces para esquivar, aturar ou solucionar un problema ou dificultade non vemos que facer exactamente, e pode custar moito tomar unha decisión. Pode ser que vexamos posibilidades pero non nos atrevemos ou non nos decidimos por unha opción. Porque hai momentos nos que vemos dúas posibilidades, por exemplo, e non sabemos cal escoller pois pensamos en plan dicotómico: que fago? escollo X ou escollo Z?


E tamén é moi común pensar que, por exemplo, se escollemos X pode que nos dea un resultado bastante bo a pesar de que sexa unha solución complicada. Pero se escollemos Z o resultado é diferente e tampouco é malo... e aínda que non tan desexable, si resulta moito máis fácil e cómodo de levar a cabo. Créase unha dúbida sobre a elección.


Mentres andamos nesas, pois a decisión pode ser difícil, permanecemos parados sen facer nada a pesar de ter opcións abertas. Podemos pasar moooooito tempo sen decidirnos, mantendo así a situación agoniante, da cal pretendemos alonxarnos, máis tempo do necesario.


Cando por fin chega o momento da decisión, cando xa non aturamos máis e decidimos que imos facer X (ou Z), non é nada raro que nos entre unha nova dúbida: “joder, e se me equivoco e é mellor Z (ou X)”... A cantas de nós nos ten pasado nun exame tipo test, no que nos sobra algo de tempo e repasamos as nosas respostas, que algunha delas non nos parece a axeitada e a cambiamos a última hora? E que pasa despois en certas ocasións? Que a correcta era a primeira que puxeramos... Isto aínda amola máis a decisión a tomar, aínda que aquí xa entramos noutro fenómeno diferente que consiste en ver máis facilmente cando nos equivocamos e non cando acertamos.


Pero moitas veces pásanos que nós mesmos restrinximos opcións, ou outros nos “axudan” a facelo, ou en ocasións son as propias circunstancias que percibimos as que nos “convencen” de limitar as nosas posibles accións.


Realmente cantas máis opcións teñamos (e poden ser moitísimas máis das que pensamos) para intentar facer algún cambio nunha situación chunga, mellor vai resultar. Isto non é como ir comer por aí fóra cando vas a un sitio no que teñen unha carta con 60 pratos e es unha desas persoas (entre as que me inclúo) que tolean porque comerían 10 cousas e non saben ben cal escoller e preferirían unha carta con menos opcións para non tardar un mundo en decidirse. Non. Ante un problema e a súa posible “solución” é mellor ter máis opcións que menos, logo o tema de elixir cal vai ser, case tanto ten, xa que todas poden crear algún cambio. Ademais tamén podemos cambiar de táctica se vemos que non nos convence e probar outra cousa. Non é como elixir os 10 pratos que nos gustan e papalos todos de vez... necesitariamos moito bicarbonato de dios. Ou ir durante 10 días para ir probando, que sería máis parecido.


Imaxinade por un momento que só hai 1 posible solución...e non nos funciona ou non a atopamos. Pode ser A Fin Do Mundo.


O que quero explicar (enrollándome como é habitual –desculpade-) é que hai situacións nas que custa máis ver o conxunto, como se mirásemos a través dun tubo estreitiño en lugar de facelo sen usar ese tubo. Vemos así una parte moi limitada e pode ser que se nos meta na cabeza que para solucionar algo temos que facer ou isto ou aquelo, unha de dúas opcións.

Peeeero, en innumerables ocasións realmente hai máis variedade da que cremos e resulta posible facer máis do que pensamos. Abrir novas posibilidades, que resultan ser complementarias e non alternativas: facer “isto e aquelo” e non crear ou contentarse coa dicotomía “isto ou aquelo”.


Sabendo isto xa temos unha pequena avantaxe máis á hora de cambiar cousas ou resolver situacións.


Claro que tamén haberá ocasións nas que non se presente tan nítida a situación ou na que non sexa posible por nós mesmas ver máis opcións. Neses casos outra persoa que estea “fóra do problema” probablemente tería máis facilidade para aportar esas outras opcións que a nós non nos veñen á cabeza nese momento.



22 views0 comments

Recent Posts

See All

Commenti


bottom of page