top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Amodo!

Non é raro atopar no meu traballo un pouco de todo: medos “irracionais”, “ansiedade”, “depresión”, desexo/”necesidade” de que outros cambien, problemas nas relacións familiares, de parella, con amizades, no traballo, no estudo, malestar mental indefinido, medo a autolesionarse, dificultades para durmir... aburrido non é para nada. (Todo o que puxen entre comiñas é porque son aspectos matizables, “petardo” que é un)


Algo que aparece de cando en vez entre todas esas cousas que a xente trae é que algunhas persoas buscan acadar determinados obxectivos XA! Right now! Canto antes mellor porque xa levan tempo con determinada merda nas súas vidas e iso non pode seguir así. Pode ser unha situación calquera das ditas máis arriba ou diferente, non hai maior prevalencia de algo en concreto segundo a miña experiencia persoal, aínda que tampouco levo feito un estudo serio do tema.


Recoñezo que determinadas situacións quizais requiran non demorarse demasiado no tempo, pero é unha putada chegar a ese punto de apuro e non ter buscado axuda un pouco antes, máis que nada para non tolear coa presión dunha bomba de reloxería imaxinaria que pode chegar a marcar “00:00” xa, en calquera instante.


Moita xente padece nesas ocasións o “mal das présas”, ou “síndrome de Speedy Gonzales” podería chamarse, que se traduce en querer conseguir as cousas o antes posible, coa angustia que iso pode comportar, ademais da posible falta de calidade no conseguido e as consecuencias que iso pode traer da man: máis angustia e frustración da que había previamente.



Apurarse e acelerarse considero, por norma xeral, que non é mellor que facer algo pausadamente... a ver, haberá cousas que si, como completar un trámite importante antes de que remate o prazo fixado ou coller un transporte determinado para chegar a onde sexa antes de que... calquera cousa importantísima suceda, por exemplo. Pero como todas sabemos, segundo a sabedoría popular (que ás veces é moi sabia... aínda que outras non o é): “vístete amodo que teño présa”. Porque todas e todos temos múltiples experiencias de que cando apuramos demasiado todo se torce, convertémonos en torpóns, e ao final tardamos bastante máis e temos maiores contratempos que se foramos amodo desde o principio.


Que punto! estoume dando conta que cando empecei a escribir ía falar de outro tema pero conforme escribía xurdiu isto que é algo diferente da idea orixinal aínda que garda relación... así que vou ser flexible e aproveitar a inspiración do momento (e así xa teño outro post para outra ocasión).

Sigo.


A miña forma de traballar enmárcase dentro da Terapia Breve, que, moi brevemente (tamén) ven ser unha forma de traballar na que se pretende atopar solucións aos problemas presentados invertendo o mínimo tempo posible pero sempre o necesario; tendo coidado de asentar ben os pasos que se dan e que polo tanto sexan máis firmes e estables. Non vale, non o recomendo polo menos, que a présa nos faga como aos nenos e nenas pequenas que cando aprenden a dar uns cantos pasos sós queren apurarse de máis; ou que a aceleración inicial leve a esa inercia ocasionada polo nosa perda do centro de gravidade cando estamos aprendendo a andar. Xa sabemos que a consecuencia máis probable é que acabemos polo chan.


Cando somos pequenos e pequenas e aprendemos a andar, dámonos conta de que se queremos chegar con maior estabilidade a algún obxectivo é mellor volver a métodos fiables como gatear. Ás veces (case sempre) é moito máis recomendable un proceder pausado e ben afianzado que caer por ternos dado demasiada présa. Despois dunha caída pode custar algo máis volver intentalo, e incluso ás veces pódese chegar a pensar que non vai haber xeito posible de arranxar o problema, e iso pode ser debido simplemente ás ganas de apurar para acadar unha solución.


O máis rápido non é o mellor (mirade a fast food), sobre todo se nos fixamos nos efectos a medio e longo prazo. Algo ben feito e feito con calma normalmente dura máis que algo feito a todo correr.


Sempre que poidades recomendo ir a modo para afrontar os novos retos, problemas, dificultades, encordios, etc. que vos atopedes ao longo da vida, a cal está repleta de movidas desas.

32 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page