Cando se xuntan determinados factores é moi fácil que se produza un incendio e que se propague, e creza ata dimensións horribles, e que chegue a afectar moito máis que só á área calcinada. Todas temos visto por desgraza como arden os montes en verán na nosa terra e polo mundo adiante... En ocasións, como hai pouco en Canadá, chegan a ser realmente abraiantes en tamaño, e lle baixan a moral a calquera ou crean unha sensación de impotencia e cabreo máximo, ou todo á vez.
Como dicía, para que apareza un incendio nas nosas vidas pódense xuntar infinitas variables, ás veces son necesarias só unhas poucas, outras veces xúntanse un montón delas, a variedade aquí é abraiante. E tamén, como dicía arriba, normalmente un incendio afecta, de unha forma ou de outra, a todo o que estea máis ou menos cerca, non só á área calcinada. Non é só cuestión do que se queima. Cando por calquera motivo nos jodemos nós, vese implicada máis xente e diferentes aspectos que aparentemente non terían relación directa. Pero iso sempre é así, non hai nada “puro” todo está moi mesturado e moi leado na vida.
Se temos unha movida no traballo é posible que durmamos mal, o descanso escaso pode poñernos de mal humor, ou facernos torpes; se empezan a saírnos cousas mal nas que normalmente non tiñamos problema podemos cabrearnos máis ou pensar que somos uns inútiles; ese malestar por non facer ben o habitual, ou esa sensación de enfado pode levarnos a estar tristes, dubidar de nós mesmos... E ao final calquera persoa achegada vese, case inevitablemente -ou sen o case-, salpicada polas nosas merdas, e aí empeza outro cristo: o posible empeoramento das relacións persoais.
Ben, esta é unha simple mostra do que pode pasar e o enredado que está todo na vida.
Outro aspecto importante dos lumes que se acenden con X frecuencia nas nosas vidas é: que facemos ao respecto.
Un incendio pode ter distintos tamaños; a vexetación á que afecte pode ser moi variada; segundo o grao de humidade no ambiente ou a forza do vento os efectos serán distintos... E resultará importante contar con algo efectivo para apagar as lapas ou mantelas baixo control, polo menos, ata conseguir algo axeitado para extinguilas.
Un asunto que se ve con certa frecuencia é que as medidas de extinción ou non son as axeitadas ou non se dirixen cara a onde se deberían dirixir.
Imaxinade: vas bastante tranquilo pola rúa e nun momento dado e sen esperalo ves un edificio ardendo, non tes formación axeitada nin experiencia, pero atopas unha mangueira de puta madre cunha decente presión de auga, e decides que podes apagar ese lume. Cando tes que achegarte ben ao edificio incendiado para dirixir o auga á base das lapas notas tal calor abrasador que non te podes achegar e dirixes o chorro a calquera sitio próximo menos ao que sería o máis efectivo. É posible que incluso, baixo ese enorme calor e o fume, esteas botando o auga onde non hai lume ningún.
Por exemplo o caso que me contaron de alguén a quen lle daba moi mal rollo e unha enorme vergoña comentarlle ao seu veciño de abaixo que puña a música demasiado alta a determinada hora do día. O asunto era que esta persoa traballaba en quenda de noite e o seu veciño facía exercicio correndo nunha cinta mentres puña música no seu equipo a bastante volume. Pero a esta persoa custáballe moitísimo dicirlle algo porque, salvo polo seu caso espacial (traballo en quenda nocturna), non era unha hora considerada incorrecta para ter certo volume en días laborables. Tampouco sabía como dicirllo ou como explicarllo. Pediulle ao seu irmán se podía ir durmir á súa casa pero este non tiña un sitio para el sen trastornar a vida da súa familia, e tampouco estaba disposto a que o seu irmán se fora case a vivir con eles polo asunto do veciño. Entón optou por cubrir o chan da habitación con alfombras ben mestas e espesotas e cubrir parte das paredes con caixas de ovos (típico illante acústico caseiro que moitos coñecerán), pero o resultado non era o esperado. Descartou os tapóns porque tampouco eran suficiente e quizais non lle deixaran oír o espertador (en caso de que poidera durmir nalgún momento) aínda que si a música do veciño. Probou máis cousas pero despois de varias semanas de descanso insuficiente e nervios a flor de pel decidiu explicarlle a situación ao veciño, que dixo que o sentía e que se llo dixera semanas antes tería posto auriculares, o que pasa é que lle eran algo incómodos e non pensou que molestara tanto...
Hai momentos nos que non nos damos conta de que o que cremos que é unha solución non está a ter ningún efecto porque simplemente non vai dirixida a onde debería ir (botamos auga onde non é), pero por determinadas circunstancias non o damos visto. Ou tamén pode ser que ao non atrevernos a achegarnos ao foco deamos rodeos buscando outras opcións. Como un fume cegador que non nos permite ver con claridade, ou un calor intenso que nos fai apartarnos de onde estaría a solución máis “obvia”.
Son casos nos que podería non estar de máis a axuda dun bombeiro profesional que nos dea equipo e instrución axeitada.
Comentarios