top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Buuuf... Que aburrimento!!

Hai xa bastantes anos, unha tempada que traballei en algo fóra do que é o sector “sanitario-psicolóxico”, tiña un semicompañeiro de traballo que falaba bastante, co cal ás veces contaba algunha cousa interesante. Un día contoume unha ocasión na que quedara de reunirse cuns colegas nun lugar tipo refuxios de montaña que alugaran coa idea de pasar unha semana de festa e camiñatas (no caso de que puideran compaxinar as dúas actividades).


O feito é que el chegou o primeiro e pasadas varias horas empezou a mosquearse porque alí non aparecía ninguén. Baixou ao pobo a intentar localizar a algún dos seus colegas chamando desde o fixo (daquela só se estilaban algúns móbiles-ladrillo) que había nun bar-ferraxaría-tenda-de-comestibles. Así decatouse de que non ían poder estar alí ata ben entrado o día seguinte por problemas co transporte.


Tiña o home por diante algo máis de 24 horas en soidade, sen TV, sen nada que ler... Pensando na situación empezou a angustiarse bastante porque non sabía a que dedicar todas esas horas (o tempo atmosférico ese día tampouco era moi estupendo).


Cando ao día seguinte chegaron os seus colegas atoparon ao meu semicompañeiro de traballo eufórico (sen axudas químicas importantes) porque resolvera como facer un peche oculto perfecto para unha caixa de madeira (era gran afeccionado á carpintería) que estaba a facer para a súa moza daquela. Poucas horas antes pensaba que ía tolear con tanto tempo por diante, só e sen nada que parecera verdadeiramente entretido que facer.


Todo ese tempo á súa disposición foi o que lle deu pé a pensar a saco nese problema que tiña e para o que atopou finalmente solución. Se tivera pasado o tempo vendo TV, baixando ao bar-ferraxaría-tenda-de-comestibles do pobo, ou calquera outra cousa que non lle fixera poñerse a pensar nun montón de cousas distintas, probablemente tería tardado moito máis tempo en solucionar o tema do peche oculto da caixa de madeira... se algunha vez o conseguía.


A día de hoxe o aburrimento está infravaloradísimo e incluso perseguido, é como se non se puidera ter esa sensación, como se “padecelo” fora unha das peores circunstancias que puidera sufrirse en determinados momentos da vida.

Creado por rawpixel.com en freepik.es

Sobre todo parece preocupar aos adultos, cando afecta á rapazada; hoxe en día preténdese que non se aburran nunca, sempre con actividades, pantallas variadas, etc. sobreestimulados como sexa para que non “sufran” de aburrimento (ollo! que a estimulación é importantísima para o noso desenvolvemento pero como en case todo, é mellor non pasarse). Pode ser que simplemente moleste oílos dicir: ”abúuurrome... abúrrome moito... abúuuuuuurrome...”, é raro que o digan unha soa vez. É posible que algúns nenos e nenas estean acostumados a ter o tempo demasiado estruturado e polo tanto ter pouco tempo para si mesmos (a tal hora clase de tal, despois tal actividade, despois deberes, logo poden usar a consola, chatear, mirar redes...). Entón eses momentos que poden ter para eles parécenlles algo estraño e cos cales non saben moi ben que facer. Ese estado de inactividade momentáneo dá a sensación de non valer para nada, de ser un aburrimento total.


Cando non nos “aburrimos” evitamos que o noso cerebro poida facer cousas distintas, pensar diferente. Se sempre temos a cabeza invadida por estímulos externos, pouco vai saír da nosa colleita propia, como ideas innovadoras, solucións a problemas, novas formas de divertirnos... En fin, creacións propias e pensamentos autónomos que serven para mellorar as nosas capacidades e variar as nosas actividades.


En realidade o aburrimento pode verse como a antesala da innovación, da creatividade e mesmo do orgullo por un mesmo por ter atopado algo importante, entretido ou útil no que pensar; e non dispor só do que xa nos ven mascado cando simplemente somos receptores de información externa, ben elaboradiña para que non forcemos a máquina que temos baixo a tapa dos miolos, non vaia pensar algo por si mesmaaa...


De feito existen un montonazo de experimentos que demostran que normalmente o aburrimento acaba conseguindo que aparezan “xenialidades” só hai que deixalo actuar, darlle algo de tempo.


Pois ben, deberiamos aburrirnos máis. Que pasa se pasamos un tempo aburridos de cando en vez? Non é tan terrible, penso eu. Unha de dúas: ou pasas ese tempo descansando de todo e cunha actividade cerebral tipo peixe (o cal tampouco está de máis nalgún momento para que o cerebro descanse un pouco deste mundo ás veces tan frenético), ou atopas a solución para facer un peche oculto perfecto nunha caixa de madeira monísima para regalar a alguén querido.

77 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page