top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Cerebro: heroe e vilán

O órgano rexedor do corpo humano, o que nos define como especie, o máximo expoñente das capacidades que posuímos, marabillosa computadora orgánica inmellorable (?)... buuff, poderiamos dicir tropecentas cousas ao respecto. Realmente é un órgano súper complexo, abraiante, bastante descoñecido en moitas cousas aínda, e seguramente tamén estaremos confundidos en cousas que cremos sobre el debido á súa tremenda complexidade.


É un órgano con dúas facetas unidas pero moi diferentes: por unha banda a propiamente fisiolóxica,da que, como usuarios (xa que a maioría non somos científicos), non nos decatamos moito, ou nada: neurotransmisores de aquí para alá, correntes eléctricas que regulan outros órganos e distintas e infinitas funcións...e por outra banda a que directamente experimentamos a un nivel consciente, isto é: como percibimos, que notamos, sentimos, pensamos e cremos. Do que vou falar vai máis por este camiño.


O asunto que aquí nos ocupa é que, como moitas cousas (como tódalas cousas), o cerebro ten dúas caras: a guai e a chunga. Chunga igual é moito dicir, digamos a non tan guai.


Como xa dixen ao comezo, trátase dun órgano abraiante, unha marabilla da natureza capaz de facer as cousas máis incribles (tanto boas como malas). Canto máis adestrado está en determinadas tarefas, mellor e máis rápido as realiza. Canto máis adestrado está, tamén é quen de aforrar enerxía e recursos pois funciona de forma case automática, podendo así realizar outras cousas no mesmo momento, algo moi eficiente enerxéticamente falando, aínda que ás veces con resultados controvertidos ou pouco eficaces segundo para que. Por exemplo: podemos manter unha conversa “perfectamente” mentres conducimos, pero en ocasións non somos tan capaces como criamos de responder correctamente algunhas preguntas, ou nos confundimos algunha palabra ou concepto, e por suposto unha conversa “profunda” pode ser difícil de levar a cabo correctamente (ao final é moito mellor iso que cometer un erro grave na condución, claro).


O cerebro realmente ten ese afán por ser enerxeticamente eficiente, e para iso ten unha serie de filtros que serven para limitar o número de inputs ou bits ou unidades de información que pode e decide procesar. É normal, se tivera que facer caso a todo o que pode percibir e intentara procesalo, colapsaría total e absolutamente. E como a perfección non existe pagamos un prezo por isto.


Está claro que se non podemos procesar todo, algunha información eliminámola e escollemos outra. Así, cando dúas persoas están xuntas nunha reunión con máis xente (ti coa túa parella nunha reunión familiar, por exemplo), pódese dar perfectamente a circunstancia de que máis tarde faledes do que alí se dixo e pareza que estivestes en distintas reunións. Pode parecervos esaxerado pero seguro que algunha vez xa vos pasou ou alguén vos contou algo semellante.


Outra estratexia que utiliza o noso cerebro para ser máis eficiente é xeneralizar. Mete moitos datos que considera semellantes nunha mesmacategoría. Non repara en matices e hai veces que eses datos non son tan semellantes como nos parece. Se un tipo con acento ianqui nos vende un coche de segunda man contando marabillas de el e logo acaba sendo peor que un troncomóbil, o noso cerebro vai empezar a desconfiar de canto ianqui atopemos. Xeneralizar implica cometer moitos erros, a pesar de que outras veces axude, pero é algo que tendemos a facer por defecto.


Tamén é un fenómeno facendo asociacións de información. En determinada ocasión unha persoa contábame que non podía coller o coche porque lle daba medo que lle pasara algo conducindo. Tiña ese mal rollo a coller o coche porque un día deulle unha especie de ataque de ansiedade mentres conducía, pasouno realmente mal pero quería chegar a casa e forzouse ata logralo. Despois dese día non quixo collelo máis. Pero falando “descubrimos” que tamén tivo esa ansiedade ao día seguinte sen coller o coche e tamén ao seguinte, e fiando unha cousa con outra atopamos que estivera tomando determinada medicación mal pautada, e unha vez que se cambiaron as doses deixou de ter esa ansiedade, pero o seu cerebro (como o de toda a xente) era unha maldita máquina de asociar (algo moi útil ás veces, que conste) e estaba convencido que como as dúas situacións coincidiran no tempo (síntomas ansiosos e conducir)... tate! un era consecuencia do outro, tiña que ser así, como se non?


Unha máquina flipante o cerebro humano, diso non hai a máis mínima dúbida, apaixonante como traballa, pero claro, como todo ten dúas caras (como mínimo) unha marabillosa, alucinante e eficiente, e outra un pouco cabrona e chapuceira (sen ser esa a súa intención).


Todo isto é para ter en consideración candoreflexionamos en como pensamos ou nos sentimos e tamén cando interaccionamos e nos relacionamos con outras persoas. Porque sabéndoo temos máis capacidade de manobra para corrixilo... Nalgunha medida, polo menos.

21 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page