top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Cerebros diferentes

O deseño básico do cerebro humano estándar, en principio, é máis ou menos o mesmo en tódalas persoas (salvo cabronadas dos xenes e cousas polo estilo). Hai varios estudos sobre a diferenza entre cerebros humanos incluso antes de nacer, pero en conxunto compartirán unha importante maioría de características. Así, partindo disto, de que maiormente nos parecemos no funcionamento cerebral básico, quería falar sobre certas diferenzas que se van formando ao longo da vida dependendo de múltiples factores.


Como todos saberedes ou imaxinaredes existen un montón de posibles variables que poden modificar o funcionamento dun cerebro. A xenética como xa apuntei é un modificador importante, permite ou impide determinadas capacidades, pero aparte diso, hai unha infinidade de cousas que modifican un cerebro, máis concretamente o seu funcionamento, xa non me meto na súa morfoloxía (tema do que teño pouca idea, a cada un o seu).


Estar ben alimentados é unha das grandes avantaxes que se poden ter, xa que facilita o desenvolvemento de todo o organismo e pode axudar a ter menos enfermidades ou que estas sexan máis leves, e iso tamén afecta ao órgano pensante.

@succespictures


Ter acceso a coñecementos facilita enormemente as posibilidades dun cerebro. Pero tamén é certo que se un non ten interese, tanto ten a cantidade e calidade de cousas ás que teña acceso.


Despois tamén é importante as cousas que nos van sucedendo, o que imos facendo día a día, como os estudos, traballo, diferentes tarefas cotiás que repetimos con frecuencia, con quen e como nos relacionamos, etc. xa que conforme pasa o tempo e suceden todas estas cousas, o noso cerebro vai pasando por un proceso de “tuneado” a partir do cal xorden diferentes maneiras de ver as cousas.


Por poñer un exemplo, o cerebro dos músicos nalgunhas cousas é un pouco diferente dos que non o somos; sempre haberá diferenzas entre os cerebros de persoas que se dedican a diferentes cousas ou teñen distintas afeccións. Segundo desenvolvas unha actividade ou outra o teu cerebro traballa diferente e conéctase de diferente forma, polo que cada un temos unhas conexións lixeiramente distintas e desenvolvemos máis unhas zonas cerebrais ou outras.


Todas estas cousas tradúcense, por suposto, en distintas formas de ver a realidade que nos rodea e, obviamente, en diferenzas ao actuar sobre as cousas, os eventos e as persoas no noso día a día. Unha mesma situación non a percibirán exactamente igual dúas persoas, e incluso pode chegar a haber abismos á hora de percibir e interpretar un mesmo feito.


O noso cerebro funciona como un gran filtro, selecciona os datos que vai procesar para unha tarefa concreta, e é a eses aos que dedica a súa atención, o resto de datos e estímulos non os considera para a tarefa en cuestión.


Eses filtros atencionais farán que nos fixemos nunhas cousas ou noutras segundo o obxectivo: teño que escalar un muro, miro con atención tódolos puntos de apoio onde poñer mans e pés e en que orde o vou facer, pero ignoro, por exemplo, se estou ben peiteado ou non, non ten relevancia para a tarefa; teño que arranxar unha tecla do portátil escarallada, presto moita atención a como teño que colocala para que quede ben posta e funcione como é debido, pero tanto me ten se vai sol ou chove nese momento...


Eses recursos da atención inclúen, ademais dos sentidos (vista, oído, tacto, olfacto, gusto, propiocepción), as nosas capacidades intelectuais (analizar, sintetizar, relacionar…) que poden ser distintas segundo as persoas e/ou o momento concreto.


Por exemplo, no momento no que se nos presenta a alguén a un grupo de persoas o máis normal é que non teñamos todas exactamente a mesma opinión sobre esa persoa, o cal xa é un indicio de que nos fixamos en cousas diferentes e de que as procesamos de distinta forma e polo tanto tamén actuaremos distinto cara esa persoa. Así, unha médica seguramente fixarase máis no aspecto da cara (ton de pel, marcas na mesma, pupilas, etc.) buscando a información á que está máis habituada sen darse nin conta, probablemente; alguén que traballe nunha tenda de roupa seguramente fixarase máis en como vai vestida...


Pero o máis importante, ademais deses pequenos detalles, é que dependendo de como concibamos o mundo en xeral (concepción derivada de tódalas nosas experiencias ao longo da vida –educación, sucesos acontecidos, posición social, traballo, relacións coas amizades e a familia...), podemos interpretar as cousas que esa persoa faga ou diga de maneiras moi diferentes. A quen non lle pasou estar na mesma reunión de xente e ver actitudes moi diferentes en algún dos asistentes cando contrastamos información ou opinións con outra persoa que estivo na mesma reunión? “Fulaniño é un borde da hostia” “Que dis? A min pareceume superamable todo o tempo!”


Simplemente (ben, se non estás habituado pode non ser tan simple ao principio) para intentar comprender algo mellor á xente é cuestión de darse conta deses filtros que o noso cerebro usa para facilitar o traballo de lidar co mundo. Non resultará só correcto o que opinemos persoalmente cada un, pode haber máis opcións que se nos escapen por mor de como está tuneado o noso cerebro e como o fagamos traballar. Creo que é para telo en conta. E a boa nova é que todo se pode aprender.


67 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page