top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Eleccións

Ultimamente lévanme cadrado varias sesións que tiñan un denominador común bastante estresante para as persoas en cuestión. Realmente é unha historia que a todas nos pasa a diario pero que habitualmente non ten unha transcendencia radical para as nosas vidas, é algo cotiá para calquera. O noso cerebro non para de facelo case nin un instante, en realidade é unha das súas múltiples especializacións: DECIDIR.


Xa nada máis erguernos pola mañá empezamos co tema e non paramos ata deitarnos de novo. En realidade o pobre do noso cerebro non deixa de decidir nin sequera neses momentos de “descanso”; cando soñamos tamén temos que andar a decidir, por exemplo, se nos deixamos facer un furado para un pendente na orella cun sacabocados ou unha broca do 6 (porque no soño é así, non hai outras opcións, é o que fai todo dios), ou se aparcar o coche na piscina do lado ou reducilo maxicamente ao tamaño dunha mochila de montaña e cargar con el todo o día, co que vai pesar...


No noso mundo de vixilia, deixando o rollo onírico aparte (por moi interesante e surrealista que resulte), non paramos de elixir e decidir case a cada instante: roupa que poñer, coller paraugas ou levar impermeable, que comemos, usamos o boli verde ou o negro, bebo agora ou espero un anaco, ráscome o brazo a través da roupa ou me remango para facelo a saco... Non somos conscientes de todas as decisións que tomamos a cada instante.


Pero de cando en vez aparece unha elección cabrona que nos curtocircuita e nos jode que flipas. Solemos concederlle unha importancia case vital, e así é como se vive moitas veces.


Obviamente está claro que o paso previo a unha decisión é valorar as posibles consecuencias, é algo de caixón que fai todo dios. Mais ás veces non sabemos ou non temos en conta todas as posibles consecuencias, é máis, diría que nunca sabemos ou contemplamos todas, pois está claro que sempre se nos van pasar algunhas por ser nimias ou case insignificantes (pero aí van estar).


O que moitas veces complica unha decisión vai ser a sensación de perda. E o que sucede cando perdemos algo é que o buscamos desesperadamente. Polo tanto pode ser que teñamos bastante claro que elección tomar pero tamén que pensemos que escoller unha cousa implica perder outras, e algunhas persoas resulta que queren todo sen renunciar a nada. Queremos estar ao prato e á tallada e iso acaba resultando case imposible (por non dicir que totalmente) e atopámonos paralizados e sen tomar ningunha decisión porque non queremos renunciar a nada.


Que conste, respecto ao comentado no parágrafo anterior, que pode haber veces nas que si exista a posibilidade de facer dúas cousas que en principio parécennos excluíntes, e iso é algo a ter en conta sempre: por exemplo, quen tivo unha lesión e corría a diario (e ademais era un dos momentos máis satisfactorios do seu día) decide non correr máis porque aínda lle molesta un pouco o pé e como antes nunca lle molestara cre que o mellor vai ser non correr, pero esa situación alóngase durante semanas e xa desesperada decide que pode probar, e descubre que pode correr igual aínda que teña unha lixeira molestia, que non empeora e que igual xa vai ter sempre. Se non tivera probado a elección “incluínte” non tería volvo a gozar dese momento especial do día.


Pero unha decisión normalmente implica escoller algo e desbotar outra(s) cousa(s). Eu penso que o que escollamos normalmente estará ben, salvo que nos falte información importante ou obviemos circunstancias cruciais, e no caso de que nos falte información será unha putada pero teremos elixido segundo os datos que manexabamos. Se escollemos o que escollemos por algo será, e realmente as comidas de tarro posteriores poden ser un pouco difíciles de controlar pero non valen para nada salvo para torturarnos, xa que nunca saberemos realmente como tería sido a outra opción, que tería pasado, como se desenvolverían os acontecementos... todo iso será simple elucubración. Creo que o agonío derivado das elucubracións é unha autosabotaxe terrible.


Con todo isto lembreime agora dun moi bo amigo ao que hai pouco detecteille o “síndrome da elección variable” (acábome de inventar o nome así de pronto, pero parece molón, ten gancho). Estivo aquí hai pouco, e nun super consideraba que unha vez que estabamos nunha cola era mellor cambiar a outra “máis rápida”, nun concerto opinaba tamén de cambiar de cola para pillar os tickets, ou de sitio na barra... eu comenteille que iso era unha simple ilusión e que perdiamos máis tempo cambiando que quedándonos coa primeira elección feita, como logo resultaba ser.


Por outra banda está a problemática de non conseguir decidir por tódalas dúbidas que esteamos a manexar. Ben, iso quere dicir que seguramente as opcións son moi moi semellantes, co cal eu teño claro que se tome cal se tome calquera pode ser boa. Se non hai tantas dúbidas será porque a elección é bastante obvia. Aínda así, no caso de non ser capaz de tomar unha decisión existe un truco que a moitas persoas pode parecerlles unha tolemia pero que eu teño recomendado e dá bos resultados para unha ocasión como a descrita de opcións moi semellantes, alto estrés e indecisión “enfermiza”: botar unha moeda ao aire e que decida ela, e aceptar a resolución sempre, ou cambiala pero só unha vez.


A idea de que nos equivocamos ao escoller moitas veces é unha flipada nosa.

41 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page