Cando somos pequenos, pero... pequenos pequenos digo, a nosa escasa experiencia neste mundo fai que non teñamos moitos recursos para explicarnos a nós mesmos os misterios que atopamos a diario. E aínda a pesar desa limitación na información e na experiencia, a nosa cabeza busca e busca unha explicación. En realidade ás veces non buscamos tanto, moitas veces somos bastante rápidos para “pescudar” as causas últimas ou os “verdadeiros” motivos das cousas que experimentamos.
Cando eu era pequeno miña tía fumaba moito pero apagaba os pitos cando non ían nin pola metade; a conclusión do meu curmán era que de simple aburrimento os apagaba, e como non vía cando mercaba o paquete, cando o abría ou cando o tiraba, chegou á conclusión, e estaba totalmente convencido, de que o contido do paquete era infinito.
Facendo un traballo de psicoloxía evolutiva na facultade tiña que pasar un cuestionario a nenos e nenas de entre 2 e 7 anos para ver como era o pensamento máxico a esas idades; ante a pregunta: -“que é a lúa?”- unha das respostas que obtiven foi -“é un queixo”-, e cando preguntei por que cambia de forma e tamaño contestáronme –“é que van comendo nel e cando se remata fan outro, que cada vez é un pouco máis grande”-.
É incrible que tan noviños xa busquemos ordenar e esclarecer como van as cousas ao noso redor, intentando entender como é o tema. Iso é unha demostración bastante clara de como funcionamos: temos que saber, a incerteza, en xeral, non é algo moi agradable para a mente humana. E iso tamén pode ser unha trampa en moitas ocasións.
Xa de adultos temos a mesma tendencia, temos que atopar o por que das cousas.
O dito de que o que busca atopará, é totalmente certo a inmensa maioría das veces... o tema vai ser que a ver que é o que se atopa, igual mola ou igual non. E por outra banda está que podemos atopar determinada explicación pero sempre pode ser que máis adiante se atope outra mellor, e logo outra...
Harrison Ford en ’Indiana Jones: en busca del arca perdida’.
Ás veces hai xente que se embarca nunha busca que, en ocasións, pode chegar a ser infinita, das causas de determinado suceso ou situación. E pode ser que chegue o momento no que consegue atopar a clave, a orixe definitiva do que andaba a buscar. Iso lémbrame o chiste (se se lle pode chamar así) do tipiño que despois de anos de ir ao psicólogo fala cun amigo que lle pregunta como lle vai a terapia despois de tanto tempo e contéstalle orgulloso e aliviado -“pois mira, despois de todos estes anos sigo a mexarme na cama, pero agora xa sei o por que”-.
E pode estar moi ben o feito de atopar as causas do que sexa que busquemos, sobre todo se iso axuda a que a situación cambie a mellor, dá igual como, o importante ao final é que polo menos algo mellore no aspecto que sexa.
Peeeero... e se atopamos ese suposto “por que”, que tanto buscabamos, e iso ao final non nos axuda e polo tanto seguimos a mexarnos na cama? Se o penso véxolle máis ben pouca utilidade (... e sen pensalo tamén). Que pena tanto esforzo e ao final non solucionar nada...
Realmente non hai moitas garantías de que, unha vez atopada a orixe dunha situación (sexa cal sexa esta) iso vaia facer que poidamos cambiala, mellorala ou solucionala. Incluso a nivel médico, saber onde ou como pillaches un bicho chungo non vai facer que te cures, para iso só necesitamos saber cal é o bicho e usar un tratamento axeitado. Para min a psicoterapia é igual: sabendo cales son as molestias, dificultades, problemas que temos neste momento podemos mellorar a situación; saber por que pasan esas cousas, ou sexa, cal foi a suposta orixe que levou ao estado actual, pois non é imprescindible.
Atopar a “causa” dun problema non ten por que ser crucial. É máis, o tempo que pode levar atopar ese suposto comezo do problema pode ser longo ou moi longo. As circunstancias de aquel momento no que se creou unha dificultade que se foi convertendo co tempo nun problema non van ser as mesmas que as de agora, polo que aínda que deamos coa “causa” pode non ser moi útil para modificar o problema. E incluso pode non axudar en nada (con isto quero dicir que pode facer todo o contrario).
Se alguén me expón está cuestión no meu traballo, eu normalmente pregúntolle se prefire que empreguemos o tempo nesa busca ou que busquemos directamente axuda para o que lles trae por aquí.
Que por outra banda se alguén quere que se busque podemos buscar, que ao final algo atoparemos, pero, que garantía hai de que acertemos? Será esa a única causa? e, o máis importante, que garantía hai de que atopar esa “causa” axude máis que non buscala? Eu xa vos digo que apenas ningunha. As sesións usadas na busca da causa e non da solución é un tempo precioso para clientes e psicoterapeutas. Eu persoalmente prefiro traballar cos meus clientes buscando conxuntamente que é o que pode axudar neste momento e nas circunstancias actuais.
Ter a explicación de algo non implica directamente ter a súa solución, son cousas diferentes.
Aínda así, non quita que saber a suposta causa poida ser importante, pero penso que priorizar o intento de que alguén non se siga a mexar na cama (se iso é o que busca realmente) pode ser máis útil que descubrir por que o fai. Penxo que non hai ninguén a quen só lle interese saber por que o fai, pero todos han querer deixar de facelo.
Comments