Search
  • Carlos Vila García

Espionaxe

Desde moi pequeno gústanme as historias de espías. Se me preguntaran non sabería dicir ben porqué me gustaban daquela, pero imaxino que sería polo atractivo da aventura, a acción e que, en teoría, había uns “bos” e uns “malos” que sempre permite identificarte facilmente cando es pequeno, aínda que esa é a típica clasificación para xustificar historias chungas dos “bos” en moitas ocasións. En realidade non hai unha distinción tan fácil entre espías bos e malos (falando de bandos, non de capacidades), son todos bastante cuestionables ao final, e só depende de que compartamos máis unha ideoloxía que outra para facer a distinción. Realmente toda persoa sabe (debería) que todos xogan sucio.


O pasado día 13 morreu John Le Carré (pseudónimo de David J. Moore Cornwell), que non sei como sería como persoa pero que está considerado gran novelista e innovador na súa forma de escribir sobre a espionaxe destacando sobre o resto dos seus contemporáneos. Tamén foi espía durante a Guerra Fría, polo tanto as súas cabronadas debeu facer, pero nas súas novelas sempre se ve un toque humano e moral con personaxes que se comen a cabeza debido ás cousas que teñen que facer (mais ao final fanas igualmente).


Aínda que a espionaxe, a nivel moral, é totalmente censurable, séguenme a gustar as historias sobre ese tema (é importante saber ser crítico incluso coas cousas que nos atraen).


Creo que se poderían establecer certos “paralelismos” entre espionaxe / espías e psicoterapia, salvando as diferenzas obviamente. Pode parecer complicado pero vou intentalo porque son dous temas, para min, moi atraentes (e paréceme un exercicio interesante).


En primeiro lugar usamos a información como unha das bases para o noso traballo. En psicoterapia hai que facerse unha idea xeral da vida da xente para poñer a cada persoa e a súa problemática no contexto axeitado (isto é básico para axudar ou facilitar cambios), polo que debemos preguntar sobre ese tipo de asuntos. Na espionaxe ese tipo de información sempre parece ser necesaria, pero o xeito de facelo, sen coñecemento dos afectados e de xeito esaxeradamente exhaustivo e invasivo, é a gran diferenza.

Imaxe de Roberto Cortes en Pixabay


Unha das cousas que máis me atrae dunha boa novela ou película de espías é todos os enganos e reviravoltas que lle dan á información para lograr determinados obxectivos. Sen ter que enganar a ninguén, en psicoterapia é importante axudar a que a xente poda ver as situacións de xeito diferente para facilitar os cambios, e para iso moitas veces hai que elaborar, ou mellor dar a oportunidade de que eles e elas elaboren, a información de maneira distinta. Os dous estilos de facelo (o de espía e o do psicoterapeuta) implican darlle voltas na cabeza e usar a imaxinación.


En determinadas ocasións sucede que se cumpre o refrán de “en casa do ferreiro, coitelo de pao”. Normalmente é máis fácil axudar psicoloxicamente a uns descoñecidos que aos máis achegados. Un dos personaxes habituais de Le Carré (Smiley) era un desastre para manexar algúns aspectos da súa vida privada a pesar de ter unha capacidade importante para solucionar outras situacións da vida, sobre todo amolar ao bloque soviético con elaborados plans e xogos mentais.


A espionaxe baséase moitas veces na manipulación de información. Pode haber xente (escoiteino nalgunhas ocasións) que pensa que ás veces os psicólogos son uns manipuladores. Eu non considero, baixo ningún concepto, que en psicoterapia sexa malo facer ver unha determinada interpretación diferente dos feitos, usando a información que sae na entrevista (que cada un é libre de dar ou non) se iso cumpre determinadas condicións: vai beneficiar aos usuarios da psicoterapia, non vai prexudicar a ninguén e aínda por riba está de acordo co que as persoas que acoden ao psicólogo desexan conseguir. Se alguén ve iso como manipulación diría que pode estar equivocado, eu creo que máis ben é facilitación.


Falando de espionaxe prefiro mil veces os relatos de antes da era informática que as historias supertecnolóxicas, mola bastante máis a vella escola, para min ten moito máis atractivo desde tódolos puntos de vista. En psicoterapia (como en moitas profesións) resulta útil coñecer outras formas de traballar, iso sempre é importante xa que podes aproveitar cousas alleas á túa formación principal e ver de forma diferente e máis útil unha situación, aínda que eu maiormente sigo fiel ao aprendido na miña formación como terapeuta sistémico xa que a idea e as técnicas son aplicables case sempre (“vellas” técnicas que sempre poden dar bos resultados).


Está claro que os parecidos son puntuais e depende de como se enfoquen. Nunha das bases, que é que a psicoterapia pretende axudar o tódolos implicados posibles, e a espionaxe que só atende aos intereses considerados pola elite como “cruciais para salvar o modo de vida blablabla” , son totalmente diferentes.


Moitos espías son presentados como xente pouco empática, fríos... como se foran máquinas; bastante irreal o tema. Os que molan de verdade son os das boas novelas e pelis, que se comen a cabeza terriblemente e o pasan fatal “os pobres”. Son máis reais, interesantes e dan bastante que pensar.


Como conclusión: a pesar de parecidos parciais e puntuais, creo que non é unha profesión tan satisfactoria como pode ser a miña.

42 views0 comments

Recent Posts

See All

Música