top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Golpes fortes

Ao longo das nosas vidas podemos sufrir un montón de paus chungos. Moitos deles difíciles de sobre levar, outros con consecuencias de longa duración, outros tan impactantes no momento que quedamos atordados como un boxeador cando leva a hostia do K.O.


É algo do que non está libre nin dios, dá igual a súa suposta fortaleza mental, o seu poder económico, a súa rede de apoio, etc. Todos e todas temos momentos de baixonazo independentemente do ben que nos pareza ir a vida.


Eses golpes poden ser de todo tipo, existe unha variedade infinita, pero un dos que máis marca é a perda de alguén. E o tema é que niso non hai volta atrás; con respecto a outro tipo de historias que nos poden pasar, ás veces existe a posibilidade de revertelas, neste non. Por iso sentimos esa desesperanza dos primeiros momentos e a impotencia absoluta fronte a algo irreversible.



O fodido que quedas cando desaparece un ser querido, alguén a quen queres tanto que chegas a crer que sen esa persoa xa non podes seguir adiante, é dos peores momentos na vida de calquera.


Os primeiros días son do máis horrible, custa pensar claramente, ás veces estamos demasiado atordados para decatarnos incluso de cousas que pasan ao noso redor, hai instantes nos que pensamos cousas como se aínda estiveran vivos (“teño que chamar a mamá cando chegue co coche a tal sitio para que quede tranquila”, “teño que dicirlle a X que hai que facer tal cousa”...)


Por sorte toda esta merda non está presente o 100% do tempo, na maioría dos casos hai familiares e amigos que se preocupan por nós e son unha grande axuda para distraerse e pasar anacos de tempo sen sentir tanto a gran dor da perda. Tamén pode axudar bastante, pasado o golpe inicial dos primeiros momentos, a rutina diaria, e o traballo, así como procurar facer cousas que nos gusten (en ocasións podemos intentar incluso facelas sen ganas pero aínda así sacarlle algo de partido).


Con respecto aos amigos, familiares e coñecidos pode darse de todo, pero como se supón nos poden coñecer bastante ben, a maioría vai saber con bastante tino que é o que necesitamos e como comportarse, máis ou menos. Claro que sempre pode haber a chorona ou choradeira (Persoa que facía o pranto nun velorio ou nun enterro – segundo a RAG) que chora máis que os familiares directos do finado, ou quen remove a merda preguntando detalles morbosos, etc.


Logo van pasando os días, as semanas e os meses e imos tomando máis consciencia da nova vida sen esa persoa. Pode ser máis ou menos duro segundo un cento de variables distintas, pero o que é seguro é que cada un ten o seu xeito, e que, aínda que se parezan, todos son diferentes segundo cada persoa e as súas circunstancias. Cada persoa pasa por un dó diferente.


Hai quen cre que ten que estar feito unha merda durante un montón de tempo, e que incluso busca estar así intencionadamente, como se fose algo que hai que facer para demostrarnos a nós mesmos e aos demais (e incluso ao mesmo finado) o moito que queriamos e botamos de menos a esa persoa. E hai quen intenta levar a súa vida do xeito máis normal posible aínda que tamén teña os seus momentos escuros.


Cando pasa unha traxedia así o normal é estar moi fodido un tempo (canto?... cada un é un mundo...), para despois ir remontando e acostumándose á vida sen esa persoa. Porque unha cousa é lembrar e botar de menos a alguén, e outra amargarnos a vida durante un montón de tempo por algo irremediable; a mellor opción é seguir adiante, aínda que sempre teñamos a esa persoa presente debemos facer o que poidamos para continuar, xa que seguramente tamén outra xente depende de nós e importámoslles e o pasan fatal véndonos así (aparte de que non é san, psicoloxicamente falando, tanta amargura).


Toda esta historia de que nos morran familiares e amigos é unha merda enorme pero resulta inevitable.


A min gústame pensar que á persoa que morreu gustaríalle ver que remontamos e que continuamos adiante e que iso non significa para nada que a esquecemos, son dúas cousas perfectamente compatibles, e tamén a mellor opción. Recordar a alguén e botalo de menos non significa amargarse a vida para sempre... Pasarémolo mal, fatal, coma o cu, claro que si, e tamén teremos bos momentos a pesar de todo.

90 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page