top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Inercia

Segundo a Real Academia Galega da Lingua:


Inercia. Substantivo feminino


1 Física. Propiedade que teñen tódolos corpos de persistir no estado de repouso ou movemento en que se atopan, a menos que actúe sobre eles unha forza externa. Cando o coche freou, funme para adiante pola inercia.


2 Figurado. Resistencia á actividade, ao cambio. Non cambian de casa por inercia.


Poderosa forza é a inercia, si señor. Permanentemente presente na vida do ser humano, física e figuradamente. Está clarísimo que a inercia domina a vida humana, tanto a un nivel físico como psicolóxico.

Non podemos escapar das forzas da Física (polo menos no noso planeta, algúns científicos xa dubidan se nalgún punto do universo poden actuar de forma diferente): calquera cousa pode caer ao chan porque a masa da terra sempre atraerá os obxectos; cando soltemos un globo cheo de aire vai saír na dirección contraria a por onde sae o aire que tiña; ao meter xeo nun vaso, o líquido que conteña aumentará xusto na mesma medida que o volume da pedra de xeo; o rato do meu portátil non se moverá a menos que algo actúe sobre el para movelo, isto é, todo obxecto tenderá a continuar no seu estado actual a menos que algunha forza cambie iso... E aquí, neste último exemplo, agóchase algo crucial na vida de tódalas persoas.


Normalmente moita xente tende a pensar que a menos que non vivamos unha situación que sexa xa dificilmente soportable, para que imos cambiar? igual espéranos unha situación peor. Cando aparecen circunstancias realmente difíciles de soportar por máis tempo, estou convencido de que cambiar algo seguramente non vai ser peor, simplemente distinto... só que o distinto tamén pode asustar un pouco de primeiras.


“Uiuiui! mellor quedarse así que non probar algo que non sabemos como vai resultar”. Vale, iso ten a súa lóxica, pode considerarse algo conservador pero se alguén pensa así as súas razóns terá (aínda que logo poida descubrir outras razóns, tan válidas ou máis, que lle fagan ver que pode ser mellor probar algo distinto).


Se non se cambia nada, se non hai forzas que actúen nalgún sentido, as cousas seguen igual, permanecen no seu estado. Ás veces pode ser unha chorrada calquera, unha forza mínima, a que pode conseguir variar a situación. En certa ocasión lin nun libro unha anécdota que contaba un psicoterapeuta sobre un “cambio espontáneo” que tiveron uns clientes seus á marxe da terapia: eran unha parella que consultaba porque había tempo que non tiñan vida sexual e aínda por riba, despois, tampouco parecía funcionar o que facían na terapia. Unha fin de semana foron invitados a casa duns amigos e pola noite cando ían apagar a luz, el tivo que levantarse a beber; dábase a circunstancia de que a cama polo seu lado estaba pegada á parede polo que tivo que pasar por riba da súa parella (co contacto que iso supuña), e sen entender como, ese simple feito un pouco chorras e aleatorio, fixo que os dous sentiran as ganas que había tempo que non sentían e a partir de aí a súa vida sexual empezou a mellorar. Sen ese pequeno feito que ocasionou un pequeno cambio terían tardado máis en arranxar o problema. Unha pequena forza imprimiu un movemento a unha situación estancada.


O tema é que na vida das persoas as cousas van tender a permanecer como están, a menos que se realice algún movemento para cambiar (distinto aos que igual xa se probou pero que se ve que non funcionan).


Ás veces o de aplicar movemento facémolo nós e outras veces as cousas suceden. Sempre sería mellor saber que cousas podemos facer para cambiar algo antes que depender de cousas e causas externas e quizais aleatorias, pero mentres suceda algo que axude a cambiar unha situación agoniante e enquistada... benvido sexa.


Desde a miña visión podo afirmar que os problemas ou as dificultades que temos seguen existindo en gran parte porque non aplicamos unha “forza” que varíe esa situación, nós mesmos deixámonos levar pola corrente e permanecemos no mesmo estado ata que algo pasa. Ás veces ese tempo de espera a que algo suceda é demasiado longo e chegamos a situacións duras e penosas de afrontar. E cando xa non sabemos que ou como facer pode ser o momento de recorrer a elementos externos, que poden ser de diferente natureza, entre eles, por exemplo, un ou unha profesional da psicoloxía.


26 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page