top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Laisser faire

Efectivamente, é francés (xa o parece a primeira vista). É desas frases típicas que son famosas e úsanse moitas veces así, no idioma orixinal.


En realidade a frase orixinal é laissez faire, laissez passer, le monde va de lui même que significa “deixen facer, deixen pasar, o mundo avanza só”; foi usada alá polo século 18 para referirse a que o Estado non debía intervir na economía e que debería deixar que o comercio tivera absoluta liberdade para facer como quixera (laissez faire) e tivera poucos ou nulos impostos (laissez passer) -en moitas ocasións é mellor moverse en zonas intermedias, porque desde aquela houbo tanto laissez faire, laissez passer que hoxe atopámonos con este neoliberalismo exaxerado ao que parece imposible frear un mínimo-.


Ben, xa notariades que a frase que dá título non está escrita igual, púxena en infinitivo “deixar facer”, xa que era como a min me soaba de oíla anteriormente e dáme que queda mellor así, tanto en francés como en galego... Ala.


Ben, penso que en moitos casos, si hai que deixar facer. Pero tamén, tal como dixen antes, nin debemos irnos a un extremo nin ao outro, é bo manternos en zonas intermedias, deixando que as cousas poidan fluír un pouca cara a un lado, un pouco cara ao outro para manter un equilibrio.

Isto é moi importante en determinadas circunstancias ou momentos da vida. Penso principalmente na educación a calquera nivel, pero é incluso moito máis importante durante a nenez.


Deberíase deixar facer cousas a calquera (teña a idade que teña) que estea aprendendo algo doutra persoa que lle vai dicindo como facer. Chega un punto no que ese control da aprendizaxe, que é normal ao principio do proceso, debería relaxarse para ir deixando que o que está aprendendo poida levar a cabo as condutas ou as accións que lle acaban de ensinar e probar a ver como lle vai para poder ir corrixíndoo e guiándoo.


Ás veces ese paso de deixar que o outro faga non se chega a dar. E noutras ocasións (ás veces somos moi de extremos) cando aínda non ensinamos ben o que deberiamos, deixamos aos que aprenden que se apañen eles sós, coas conseguintes altas probabilidades de fracaso e frustración.


Para evitar iso hai que saber manterse nun segundo plano, por se é necesario intervir, pero tamén deixar que os demais proben pola súa conta. Porque se non lles deixamos facer, a que ven aprender? Vale, saberían a teoría, si, algo xa é, pero moitas veces aprender algo para non poder realizalo é como facer a comida para logo non comela.


Tamén se dá o caso con frecuencia de que non nos propoñemos ensinar algo, simplemente estamos a facer determinada actividade pero o outro ve e aprende. Parécelle unha actividade superinteresante e atractiva e obviamente quere probar, pero pode ser que non llo deixen facer, entón móntase a de Dios es Cristo. Claro que se o que acaban de ver é como cortamos leña cunha motoserra, dependendo un pouco da idade e bastantes cousas máis, vai ser mellor non deixarlles, claro.


Pero tamén hai veces que nin sequera ensinamos algo polo que poida pasar. Pode ser que si axudan na cociña, por exemplo, quede todo feito un cristo e logo teñamos que entregarnos a fondo limpando e non nos apeteza facelo; claro que a iso tamén nos poden axudar, aínda que non o fagan exactamente como o fariamos nós, ademais aprenden algo superútil, para nós e para eles. A vida non é fácil, pero o anterior (que se manche a cociña ou que non limpen ao noso gusto) moi grave non é...


Outras veces por comodidade pasamos sequera de pensar en ensinarlles algo, ou se o pensamos descartámolo. Home, resulta moito máis cómodo (onde vai parar) non estar aí controlando e en moitas ocasións “pelexando” para ensinar. Nalgún momento tamén pódese dar a situación de ir pospoñendo unha aprendizaxe que pode ser que leve algún tempo, e se nunca atopamos ese momento libre, por exemplo, para que aprendan a vestirse, ou a cortar a súa comida e comer por si mesmos, por dicir algo básico, estamos facéndoos un pouco “inútiles” e dependentes (nós facémolo máis rápido, claro, pero eles así non aprenden a facelo).


En definitiva, se non lles deixamos ir practicando non van ser capaces de facer moitas cousas ou van facelas como o cu, e o peor de todo é que co tempo perderán tamén o interese en aprender a facer cousas, coas consecuencias que implica (aparte de perder esa ilusión por aprender) xa que non botarán unha man na casa, farán mal as cousas porque nunca lles “laissons faire”, e teremos que facer todo nós...


Ás veces é cuestión de inverter agora, por moito que nos custe, para que todos saquemos beneficios despois (vedes? o neoliberalismo que todo o invade...).


20 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page