Search
  • Carlos Vila García

Mostrar interese e meter a pata

Cando alguén nos preocupa, pola súa situación ou por algo que lle acaba de pasar, é normal interesarse por esa persoa. Pode ser que o noso interese sexa auténtico e realmente esteamos preocupados. Pode ser que teñamos a urxente necesidade de mostrar que nos preocupamos e queremos que esa persoa saiba que nos importa. Vale, está ben.


Pero dentro desta situación tamén hai outras categorías. Está quen pensa que vai quedar ben se mostra interese aínda que este non sexa auténtico 100% (hai xente así, aparentar que... é parte importante da súa vida). E tamén está por exemplo quen fai que mostra interese pero camufla o que en realidade é “tocar un pouco as pelotas”.


Podemos estendernos e poñer máis clasificacións atendendo a outros detalles, pero estas parécenme as básicas e suficientes.


Empezando polo final temos á xente que se podería incluír na terceira das categorías nomeadas, os “tocapelotas”. Será xente que coñece ao afectado ou afectada por lazos de familia ou por proximidade (coñecidos do traballo, veciños, etc.). Normalmente é xente a quen en realidade dálle un pouco igual o destino dos afectados pero dálle por “interesarse” e chegar a ser realmente pesados mostrando o moito que se preocupan con preguntas continuas sobre o mal que está o outro e incluso minando a moral dicindo o peor que aínda estará se segue así ou se non fai isto ou o outro... (inestimable axuda para quen o está a pasar mal de verdade). En fin, polo xeral xente que non queremos que se “interese” por nós, pero que, por protocolo social, boa educación ou correctismo político, ás veces soportamos (dificilmente).



Na segunda categoría están os que teñen certo interese lexítimo, ou incluso bastante, mais teñen tamén un problema: certa obsesión por ser ben considerados e que opinen deles que son “lo más” (sempre pendentes, sempre dispostos, encantadores...) e a ser posible que iso vaia de boca en boca, que o saiba todo dios (a xente tan pouco modesta xa un pouquichiño cheira, creo). Que probablemente si teñan preocupación, pero hai que ter medida para todo, e en ocasións darse conta de que hai situacións nas que hai que sacrificar a fama de “boa persoa” e mellor ser un pouco máis discreta.


Para mostrar preocupación e intentar apoiar non é necesario ser uns pesados e estar enriba todo o tempo, chamando cada 2x3, espallando a noticia cando igual aos interesados é o que menos lles apetece, dando solucións “fáciles” (o fácil é dicilo, pero de aí a facelo...) para algo que require quizais de bastante traballo, etc.


E despois, na primeira categoría, está a xente que realmente está preocupada pola situación de outro, porque quere a esa persoa ou a aprecia moito e teñen (ou tiveron) unha relación bastante próxima. Estas persoas, cando se dan conta de que esa outra persoa cércana ten algún problema importante, intentarán poñerse en contacto para saber como se atopa o outro, mostrando o seu interese e apoio. Como se pode mostrar ese apoio? Como en case todo pode haber múltiples formas de facelo e moitas delas son válidas para a maioría das persoas.


Cada un é un mundo, e haberá quen prefira isto ou o outro, pero será importante intentar ser discretos en principio, penso eu, mola máis un perfil baixo que ir de sobrao, xa que a segunda opción é máis difícil de corrixir.


O máis probable é que a relación entre esas persoas sexa, ou teña sido, bastante próxima e de certa confianza, polo que tampouco sería necesario facer esaxeradas mostras de empatía ou “peloteo”. En principio coñeceranse bastante, polo que cada un pode saber máis ou menos o que o outro espera ou que esperar do outro, así que non habería moito con que comerse a cabeza. Ben, pode ser que nunca nos atopáramos nunha situación semellante e non sabemos moi ben que facer ou dicir, quizais iso sexa o mellor que podemos facer: dicir o que sentimos nese momento (“a verdade... non sei moi ben que dicir”) e facer ver que estamos dispostos a axudar e a acompañalos nesa situación, se eles queren, pois ás veces a xente quere estar ao seu rollo e prefiren que non se toque o tema. Hai que respectar iso, son eles os que deben marcar a forma de apoio que prefiren.


E tamén é importante saber que acompañar a alguén nas súas desventuras non ten porque significar que haxa que animalos ou quitar importancia á situación (precisamente iso é case o peor que podemos facer), se non mostrar que entendemos que a situación é unha merda e xa está. Facer o outro non é o axeitado nese preciso intre.


Cando nunha situación chunga intentamos quitar ferro ao asunto non nos estamos axustando moito ao momento que vive o outro, e iso vaille sentar peor.

14 views0 comments

Recent Posts

See All

Música