A moita xente cústalle admitir que algunhas cousas cambian, pero si, cambian. É algo continuo. Os cambios na maioría das situacións poden ser vistos como unha leria que nos gustaría evitar (incluso, extraña e paradóxicamente, cando a situación pode cambiar a mellor). Conforme pasa o tempo sucédense os cambios, continuamente; cando crecemos e maduramos cambiamos formas de pensar e de ver as cousas, cambian os nosos gustos, cambian as nosas relacións cos demais,... como non van cambiar os rapaces e rapazas? A realidade é que xa foron cambiando, e moito, antes de chegar á “fatídica” adolescencia.
Cando, como pais e nais, chega a adolescencia ás nosas casas (cousa un pouco difícil, ás veces, de determinar, aínda que outras veces pola contra a xente ten moi “claro” que chegou) podemos atoparnos na situación de non saber moi ben como actuar.
Para cando ese momento chege non está de máis estar algo preparado mentalmente (sen chegar á obsesión, basta un “plan de continxencia”).
Estaría ben saber, por exemplo, cambiar os roles que temos cos fillos e fillas, xa que é importante substituír un patrón de control “absoluto” (que probablemente tiñamos antes, xa que había que coidalos porque eran moi pequeniños e pequeniñas para valerse por si mesmas) por outro de supervisión. Tamén sería importante aprender a manterse entre unha maternidade/paternidade responsable e unha forma de actuar “autoritaria”;, para estar a medio camiño entre a liberdade controlada e a abdicación parental, vamos.
Nesas épocas de “adolescencia desatada” (aínda que sempre sería desexable) resulta básico o apoio mútuo entre a parella.
A xente xoven (pasounos a todo o mundo en maior ou menor medida) diferénciase establecendo o seu propio sistema de crenzas, que estará baseado, en parte, no que foron experimentando ao longo das suas vidas. E como necesitan ir tendo o seu propio espazo, exercitan a independencia rebelándose de xeitos variados cando non van vendo acceso a pequenas parcelas de liberdade. E aínda así, aínda que vaian ampliando a súa liberdade, poden rebelarse (é o propio) pero é probable que a intensidade sexa diferente.
Non resulta malo en absoluto que os pais e nais axuden, e “empurren” incluso, aos adolescentes que poidan estar quedando rezagados ou rezagadas á hora de buscar independencia.
A cuestión non é que pais e nais teñan que desentenderse, senón que se deben manter nunha liña de apoio que permita que os fillos e fillas resolvan por si mesmas os problemas que atopen. Pais e nais teñen que ir mantendo un equilibrio entre empurrar e conter.
Pode ser útil probar a moderación. O gris normalmente asóciase con cousas sen atractivo nin singularidade, pero habitualmente pode salvar situacións nas que se chegaría a extremos (branco/negro) moito máis difíciles de solucionar.
Como dicía Aristóteles: “in medio virtus” (el diríao en grego, é de supoñer) no medio está a virtude. Non sempre, pero ás veces pode ser bo manter un equilibrio, aínda que poida ser complicado, para lidiar con determinadas situacións que nos aparecen, como a adolescencia das nosas fillas e fillos.
Ás veces non teño a inspiración necesaria, así que te tomo a palabra e igual algún día cae ese outro post (ou non... vai ti a saber).
Pues va a ser cierto eso del gris. Cuando un padre está blanco y la madre negra, entre ellos podrían llegar al equilibrio y quedarse en un ansiado gris. Y si no hay pareja para equilibrar?. Uf!! ahí lo dejo para otro post