Search
  • Carlos Vila García

O canguelo

É algo do que poucas veces se pode escapar facilmente. É algo que a todas e todos nos ten pasado e nos pasará en distintos momentos ao longo da vida. Está presente na vida de calquera e en varios momentos da nosa existencia, sexa cal sexa a condición da persoa.


Resulta que o medo é algo bastante democrático, xa que TODOS o sentimos nalgún momento, aínda que haxa quen, polas súas condicións socioeconómicas ou tamén pola súa forma de percibir o mundo, teñen máis probabilidades de padecelo con certa frecuencia. En relación a isto de que o medo é algo democrático xa dicía a avoa da miña parella: “o medo é libre”. Tiña toda a razón do mundo, ata a persoa máis rica e poderosa pode sufrilo, e certamente o sofren nalgún momento (igual menos que outras persoas, ou probablemente medos diferentes, pero tamén saben o que é porque non se libra nin dios).

Podemos ter medo dunha chea de cousas: de non chegar a fin de mes; de non ter para comer; de morrer; de que morran outros importantes para nós; de que nos agridan uns capullos calquera só por ser quen, ou o que somos; dun exame ou unha proba importante; do que poidan pensar de nós; de calquera cousa, vamos. Lembro unha serie -Monk- na que o protagonista tiña unha lista enorme de medos, un dos primeiros da lista fíxome moita gracia, non explicaban o motivo do medo, pero tiña medo... ao leite!


É importante neste momento facer unha aclaración; no medo hai, como en todo, distintos niveis, distinta intensidade, e hai quen ten unha sensación de medo tal que chega a ser incapacitante ou case incapacitante. A quen se atopa nesa situación nalgún momento está claro que necesita axuda profesional con máis urxencia que a maioría, e pertence a unha categoría de medo diferente da que aquí falo.


O medo, dá igual ao que sexa, é unha emoción, e como tal é espontánea, automática e responde a unha actividade psicofisiolóxica e polo tanto é incontrolable. Neste punto non podo evitar opinar e creo que é necesario, ademais é posible que alguén xa estea pensando nisto: as emocións non se poden controlar, como acabo de dicir, son espontáneas e automáticas, polo tanto o que se fala por aí do control emocional está un pouco mal definido, como mínimo. Un profesor meu explicaba o tema do control das emocións poñendo o exemplo dun orgasmo; cando temos un orgasmo este aparece e dura un momento, pero normalmente é difícil ter o control de cando chega exactamente e sobre todo, unha vez que está aí non podemos “xestionalo” en plan -é moi intenso, vou reducilo para que dure máis- ou –vou paralo e dentro de un momento retómoo xusto onde o deixara- ou –vale, vou ter agora un e outro cada tres minutos e medio-. Non se pode, é independente na nosa vontade, escapa ao noso control.


O medo normalmente non funciona coas leis da lóxica, iso tan humano ao que recorremos continuamente e á que tanto valor lle damos (aínda que en momentos puntuais está sobrevalorada). Pero habitualmente non podemos aplicarlle as súas leis, en moitísimas ocasións o medo pásase esas leis por onde lle peta. Por exemplo, é case imposible (alguén nalgún momento pode logralo pero é case imposible) dicir: “pois non vou pensar niso” e conseguilo. Tería a súa lóxica pensar así pero o que logramos é precisamente o efecto contrario, cando intentamos non pensar en algo o que facemos é precisamente pensar niso que non queremos, incluso con máis forza... Polo tanto esa idea eu descartaríaa, a non ser que a alguén lle dea resultado.


Unha das cousas que máis axudan ao medo é a incerteza. Cando non sabemos exactamente o que podemos esperar de determinada situación a nosa cabeza habitualmente lánzase ao galope e pode acabar case desbocándose. Todos temos pasado polo típico momento imaxinativo-descontrolado no que, anticipando unha situación, vemos como todo vai resultar horrible e o imos pasar fatal e incluso imos perder o control... e unha vez que xa pasou a movida vemos que non era para nada tan chunguísima como criamos. Pero nese momento previo e coa inestimable axuda da incerteza pasámolo como o cu.


Algo que pode pensar moita xente é “non debería sentir medo por...” pero como xa dixen que dicía a avoa da miña parella: o medo é libre; e tiña toda a razón do mundo. Podemos sentir medo do que sexa e non debemos avergoñarnos, cada un ten as súas cousas e hai que respectalas, non axudamos, máis ben ao contrario, cando lle dicimos a outro: “Bah, é unha parvada ter medo de...”, é mellor simplemente aceptar o seu medo e prestarlle axuda se a reclama e se podemos prestarlla.


Se botamos á vista atrás dámonos conta que moitísimos medos supéranse ao longo da vida e despois parecen chorradas que contamos e botamos unhas risas.


Iso si, pode que haxa algúns que nos custe superar, o desexable con eles sería levalos con dignidade e aprender a vivir con eles de forma que molesten o mínimo posible e non nos limiten demasiado. Isto conséguese máis facilmente se entendemos o medo e se descubrimos cousas que igual podemos estar facendo nós que en realidade axudan a que o medo permaneza aí (o cal pode non ser fácil e pode que necesitemos axuda para velo).


O que está claro é que o medo é algo inherente ao ser humano, e tamén, claro, aos outros animais do planeta (das plantas non opino). Nun principio está para axudar a evitar perigos, o que pasa é que os humanos pensamos tanto que ás veces váisenos das mans...

18 views0 comments

Recent Posts

See All

Amodo!