top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

O maxín (que non machine)

Realmente temos unha xoia baixo a tapa dos miolos, é alucinante como funciona o cerebro humano... Estamos acostumados porque, individualmente, levamos con el toda unha vida, e se falamos como especie cerca dos 200.000 anos, polo tanto é algo que está aí desde sempre e moitas veces non pensamos moito nel. Iso si, cando o facemos pode ser para flipar todo o que podemos facer con el (e algunhas veces ata o que pode facer el só pola súa conta).


Se todo vai ben por aí arriba, as capacidades que ten son abraiantes, a capacidade de imaxinar por poñer un exemplo.


A imaxinación non ten límites (só os que nós poñamos ou os que cadren no momento...) pero chegar a acadar algo que imaxinamos si os ten: que sexa fisicamente imposible, que supoña algo censurable pola nosa propia ética ou a dos demais, que en realidade non queiramos levalo a cabo fóra do ámbito da imaxinación... e a pesar deses límites segue sendo un exercicio imprescindible usala. Eses límites non deben botarnos para atrás á hora de imaxinar, xa que imaxinar é libre (coma o medo... iso dicía a avoa dunha persoa moi importante para min).


Autor: Vladimir Kush


A verdade é que a imaxinación é unha capacidade e un recurso estupendo para un montón de situacións:

Pode ser catártica: en moitas ocasións as cousas non nos saen como esperamos ou como queremos, pode ser que unha situación nos desborde e chegue a afectarnos bastante. Lembro que de pequeno había un abusón capullo, un gilipollas que ata debía ter o carné (de gilipollas digo), que vivía nunha rúa próxima e de cando en vez dáballe por pasar por onde xogabamos para tocarnos as pelotas... A de noites que lle teño dado o seu merecido na miña imaxinación non son poucas. E a pesar de que preferiría facelo na realidade, a ver se así aprendía, era unha liberación importante facerlle as de dios “virtualmente”. A maioría das cousas que imaxinaba non podería facerllas na realidade, porque eu acabaría tamén mal dun xeito ou de outro, ou simplemente porque eran fisicamente imposibles, pero dios... como me gustaba.


Pode inspirarnos: a base de darlle voltas na nosa cabeza podemos atopar a idea xenial que nos resolve unha situación, como o carpinteiro aficionado que coñecín hai uns anos e do que falei no post de “Buuuf... que aburrimento”, ou calquera situación na que temos que atopar unha solución para o que sexa. Eu en ocasións (despois de telo ben traballado na sesión) propoño a algúns clientes algunha tarefa usando a imaxinación para intentar buscar formas diferentes de actuar que poidan cambiar unha situación... e non teño moita queixa de como funciona.


Pode usarse como campo de probas: é o escenario ideal para probas virtuais, moito máis alcanzable que aparatos de RV ou simuladores, aínda que diferente xa que non funcionan exactamente igual que estes, pero de todas formas é un magnífico recurso (ademais non hai simuladores para todo pero nós si podemos imaxinar o que nos veña en gana). Moitos deportistas de elite úsana para visualizar como van facer determinado exercicio, e ese simple feito incluso os axuda a conseguir mellores resultados que se non o fixeran (tamén pode ter unha pequena participación o que chamamos a profecía auto cumprida).

Pero aínda ten moitas máis aplicacións na vida diaria do que algunhas persoas teñen pensado e do que acabades de ler.


Polo tanto podemos usala sen límites e tendo o control da situación imaxinada. Podemos dicir que é unha moi boa ferramenta para practicar ideas, proxectos, visualizar posibles resultados de distintas situacións, fantasiar con cousas que non podemos nin queremos facer doutro xeito que non sexa na nosa mente, evadirse por uns momentos, etc.


A gran maioría de nós e en case tódalas ocasións somos conscientes de cando imaxinamos ou cando non o facemos; pero a todas e todos nos ten pasado nalgunha ocasión de crer que algo sucedera e pouco despois chegamos á conclusión de que foi algo que soñamos... ou incluso imaxinamos. É algo que, por sorte, non sucede con demasiada frecuencia (sería un pouco lioso) pero que todos e todas temos experimentado. A diferenza é que a imaxinación é consciente e require un pequeno esforzo mental, mentres que os soños normalmente van ao seu aire e non se poden controlar. Tamén existe o caso da imaxinación baixo os efectos de substancias, pero xa non é tan controlable e ten algo máis que ver cos soños que coa imaxinación.


Temos unha gran sorte de contar entre as nosas habilidades cunha capacidade semellante, todos podemos usar un recurso como este en moi variadas ocasións. E aínda que pensemos que non temos moita, resulta que, como todas as capacidades, pódese adestrar...


19 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page