top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Obxectivo: a Felicidade

Hai uns días alguén comentoume que moitas voltas lle dá ás veces a peña ao tema da felicidade... “É que eu non son feliz” ou “eu nunca fun feliz” ou “nunca serei feliz” ou “que hai que facer para ser feliz?”...


Para algúns e algunhas debería ser un estado que teriamos que acadar se as cousas foran “xustas”, pero claro, esa idea de xustiza é creada por nós mesmos e non quere dicir que por ese simple feito vaia ser así.


Tamén hai xente que cre na FELICIDADE, así, con maiúsculas, como un estado permanente e continuo ao longo do tempo sen que haxa apenas nada que poida contrarrestalo. Coidado, iso xa son palabras maiores. Non sentirse feliz “sempre” pode ser moito peor para alguén que ten esa idea metida na cabeza.


O que a unha persoa lle proporcione felicidade non ten porque darllo a outra, iso é como se a tódalas persoas nos tiveran que gustar as mesmas cousas... A min, por exemplo, cando era pequeno insistíanme ata o aburrimento que tal alimento era moi rico, que o probara (recoñezo que eu non era de bo dente), que non sabía o que me perdía, que cando fose maior e me gustara (se iso chegaba a pasar) ía arrepentirme de non telo comido cando era rapaz (a ver... para que narices ía eu pensar de maior o “afortunado” que fora de pequeno comendo algo que tanto detestaba porque agora si me gustaba, como se eses anos comendo algo detestable para o meu padal non existiran ou non tiveran importancia porque agora si que me gustaba... cousas dos maiores).


Toda esa historia de acadar a felicidade como sexa e sentirnos mal se non o conseguimos, ven dada pola idea que poidamos ter de en que consiste ou como poderemos chegar a ser felices. Depende totalmente do que teñamos en mente, das expectativas, vamos. Esas ideas que nos creamos moitas veces veñen influídas por outras persoas, polos medios de masas e redes sociais ou por libros ou artigos sobre o tema.


En moitas ocasións pode parecernos que alguén sempre é feliz e envexámolo. Esa persoa á que percibimos como sempre feliz ten os seus problemas e comidas de tarro igual ca nós, pero hai quen é capaz de gardarse os seus problemas para a intimidade e manter un estado exterior tranquilo e animoso, hai tamén quen “exhibe” a marabillosa vida que leva mostrando sempre fotos superguais, pero non quere dicir que vivan nun constante estado de felicidade. Iso non existe.


As políticas modernas de marketing están a amolar a moitas persoas polo feito de “mostrarlles” como ten que ser alguén feliz, que posúe esa xente, o que hai que facer para acadar a tan ansiada felicidade, o que hai que ter... vamos, buscan lucro, dirixirnos ao que eles poden proporcionarnos e vendelo como necesario para ser feliz. Neoliberalismo ata nos sentimentos.


Buscala con afán pode ser bastante estresante e frustrante. A felicidade aparece de cando en vez, non é un estado para nada permanente nin estable (igual que tódolos demais sentimentos), pero o que si mola é ser conscientes deses momentos para aprecialos e desfrutalos. A felicidade son situacións puntuais que se dan ao longo da vida, non ten carácter inmutable.


Como di un psicólogo que coñezo e que ademais é un gran formador: “Se puntuaramos a vida de 0 a 10 creo que unha vida moi moi aceptable sería un 7 (e vas que chutas), non te flipes con chegar a un 10 porque entón a cagas”. Mellor acadar metas modestas que tolear detrás de mitos.


A vida é incompatible cun estado de felicidade continua, sempre hai situacións que non van ser do noso agrado e sempre vai haber algún posible problema á vista. E do mesmo xeito tamén haberá momentos nos que non sexamos conscientes dos problemas e poidamos gozar de todo o que temos nese intre ao noso redor.


En realidade nunca temos un estado de ánimo de xeito permanente: non estamos sempre alegres, nin sempre tristes, nin sempre sorprendidos, nin sempre... o que se vos ocorra. O estado de ánimo, os sentimentos, están en cambio continuo, tanto polo que sucede fóra da nosa mente, como polo que sucede dentro.... por que ía ser distinto coa felicidade?

40 views0 comments

Recent Posts

See All

ความคิดเห็น


bottom of page