Ben deberiamos darnos todas conta a estas alturas de que hai moitas formas de pensar no conxunto da humanidade. Iso danos riqueza cultural por exemplo, novas formas de ver as cousas, e como non, malentendidos e conflitos tamén; pero isto último é un mal que é inevitable para poder acceder tamén ás cousas positivas que aporta esa diversidade de formas de pensar.
En realidade o obxecto deste post non ten moito que ver co que deixa entrever o primeiro parágrafo e o que moitas e moitos de vós estará imaxinando a partir del. Si, quero falar de formas diferentes de pensar, pero non a nivel de ideas sociais, culturais ou políticas.
Quería tocar un tema que tamén me resulta mogollón de interesante e que está moi relacionado coa psicoloxía, en concreto con como funcionan as nosas cabezas (aquela etapa na que traballei como “neuropsicólogo” deume moito que pensar e aportoume moitas cousas interesantes). Ben, en principio, co de outras formas de pensar refírome, neste caso, a como abordamos por exemplo os problemas de lóxica, pero que obviamente tamén pode estrapolarse a outros ámbitos da vida cotiá e ás relacións entre persoas. E isto último ao fin e ao cabo é no que consiste gran parte do meu traballo en Claves.
Imaxino que alguén xa escoitaría falar do pensamento lateral, e imaxino que alguén non. Que é iso do pensamento lateral? Pódese dicir que é un xeito de razoar e buscar solucións a problemas mediante formas que están fóra da lóxica máis habitual ou á que estamos máis acostumados (a lóxica máis lóxica, poderiamos dicir), e que nos parecerían en principio “absurdas”, e polo tanto nin nos paramos a considerar.
Imaxe de Gerd Altmann en Pixabay
Hai unha serie de “características” que permiten este tipo de pensamento; contemplar posibilidades consideradas absurdas en principio, como xa dixen, e que nin se nos ocorren por iso mesmo, ou que rexeitamos por iso mesmo; cuestionarnos a solución “lóxica” que se nos ocorre ante un problema e desbotala para buscar outra; romper cos conceptos tomados como únicos ou como a “solución de toda a vida”, cuestionarnos o obvio, vamos; acudir á provocación e á disrupción do clásico ou do habitual para abrir a nosa mente e crear novos patróns de solución.
En realidade usamos o pensamento lateral bastante máis do que cremos: cando usamos algún obxecto para algo para o que non foi deseñado e funciona, e non o víramos facer antes (pois se non xa perde a creatividade característica deste tipo de pensamento), estamos facendo uso do pensamento lateral. Se usamos os dentes dunha chave para serrar algo. Se usamos as gomas dunha máscara atados os seus extremos entre si para facer unha goma elástica coa que recoller unha melena ben crecha. Se cun anaco de pau dos dentes arranxamos (provisionalmente) o parafuso roto dunha patilla das gafas. Etc, etc...
Pero tamén hai que ter en conta que algunhas cousas que se nos ocorran neste proceso serán de todo inviables (por ser imposibles totalmente ou non lograr o obxectivo buscado), entón ata certo punto debemos seguir usando a lóxica “común”, se non en vez de atopar novas solucións válidas estariamos toleando de mala maneira e inventando movidas inútiles.
Había algo disto do pensamento lateral en antigos videoxogos para PC, que se denominaban aventuras gráficas (lembro as aventuras de Indiana Jones e o xenial Monkey Island), e ás veces tiñas que usar varias cousas do teu inventario (onde gardabas obxectos que recollías ao longo do xogo) e combinalas para conseguir unha ferramenta coa que lograr algo, ou usalas en/con outros obxectos, ou con outras personaxes. Moitas estaban guai e tiñan a súa lóxica, e fomentaban este tipo de pensamento fóra do habitual, pero tamén había outras que eran un pouco como flipadas absurdas sen fundamento real.
En realidade, ao fin e ao cabo, usar en ocasións un tipo de pensamento lateral é no que consiste gran parte do que fago en Claves; buscar unha mente máis aberta a opcións non pensadas ou non consideradas, ser capaz de ver distintos puntos de vista, maior amplitude de miras, visión máis global e menos limitada... chámalle X.
Realmente é apaixonante, divertido e moi satisfactorio ser capaz de usar o pensamento lateral de cando en vez para saír de situacións das que non vemos unha solución clara seguindo os procesos habituais. Pero tampouco hai que fliparse e pensar que sempre deberiamos usalo para todo o que fagamos, xa que hai cousas que podemos realizar sen problema ningún co típico pensamento vertical de toda a vida, que, como imaxinaredes, é un pensamento lineal cun procedemento definido, usando ideas ou saberes xa coñecidos, como o que facemos para resolver un problema matemático usando as fórmulas establecidas e seguindo os pasos habituais.
Pero resulta importante considerar outras formas de pensar e de ver as cousas, sempre.
Comments