top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Pantallas vs cerebro

Hai uns días fixéronme unha breve entrevista na Radio Galega para preguntar a miña opinión como psicólogo en relación a, segundo un neurocientífico francés, unha tendencia na xeración dos chamados “nativos dixitais” a ter un cociente intelectual máis baixo que o dos seus pais (debido ao excesivo uso recreativo das pantallas) tendencia esta que estaba fóra do habitual xa que o “normal” era que a xeración seguinte mellorara á anterior intelectualmente.

Ao final a entrevista foi moi curtiña e quedáronme bastantes cousas “pendentes” de comentar. E como teño un blog...

A estimulación é ultrasupermegabásica. O cerebro vai madurando ao longo dun montón de anos (polo menos ata os trinta) e, dependendo da estimulación que recibe, fórmase dunha maneira ou doutra (de aí a grande importancia da estimulación desde o mesmo nacemento).

Imaxe de Andi Graf en Pixabay

As experiencias modifican as estruturas e a maduración cerebrais.Polo tanto, privar aos nosos cerebros dunha ampla variedade de experiencias é unha faena gorda. Non ten por qué estar mal empregar as redes sociais que internet ofrece ou algún videoxogo de cando en vez, pero non se debe prescindir nin reducir excesivamente as experiencias que ofrece a vida “real” fronte á virtual (por exemplo non é o mesmo un simple “gústame” que debater con outra persoa sobre o tema en cuestión).

Tamén a sobreestimulación (demasiado tempo ante un tipo de estímulo) ou a estimulación delimitada a un só aspecto (só cousas relacionadas con “X”) empobrecen as posibilidades do noso cerebro; demasiado tempo nas redes ou xogando non é bo e quita posibilidades de facer outras cousas moi estimulantes e positivas para a nosa mente (música, arte, lectura, relacións sociais, etc.).


Son cousas a ter en conta cando se ten descendencia e pretendemos que cheguen a ser persoas sans e equilibradas (e aínda que non é unha garantía, si que axuda). É terrible ver a nenos e nenas, bebes aínda, hipnotizados pola pantalla dun móbil... Polo menos ata os dous/tres anos ningún neno nin nena debería estar exposto a pantallas.

Por outra banda, pais e nais facilitarían a situación se non andasen co móbil pegado á man cando están cos máis pequenos (quen o faga, claro), o que se ve é o que se aprende...

Este tipo de tecnoloxías poden axudar a ter máis “tranquila/entretida” á proxenie e así poder facer calquera outra cousa. Isto (deixalos entretidos ao seu rollo, pero vixiados tamén) sempre se fixo en algún momento, non ten por qué ser malo de cando en vez ante a necesidade: a un amigo meu cando tiña poucos anos sentábano no penico (a facer o que se terzara) e deixábanlle unha cesta con pinzas da roupa para entreterse mentres o pai e a nai aproveitaban para encargarse de distintas tarefas, e alí estaba el un bo anaco de tempo; pero existe a “pequena” diferenza de que tiña que usar a imaxinación, inventar escenarios, utilizaba as mans para manipular obxectos... e non quedaba absorto absorbendo imaxes dunha pantalla. Neste sentido tamén é útil levar algún xoguete cando se sae por aí (ou utilizar o que se atope) para os máis pequenos e non ter que recorrer ao móbil. Son cousas diferentes, o cerebro ten máis variedade de traballo e iso sempre é bo.

Controlar o tempo e o uso xa desde o principio axuda, e hai moitas formas: poñer un tempo de uso ao día (e con certas idades non está mal que sexan eles e elas quen xestionen ese tempo, sen excedelo), poñer alarmas para ser conscientes do tempo, hai aplicacións (tanto gratis como de pago) para controlar innumerables aspectos do uso dos móbiles, o móbil debería estar en mans do pai ou a nai e deixarllo usar só cando sexa momento e en determinado lugar, nunca deberían ter dispositivos ao seu alcance pola noite, non usar pantallas cando se está con máis xente, fomentar o tempo xuntos (actividades, conversas...), ter sempre a man unha explicación dos motivos do por que se actúa de este xeito... Cando todo isto se fai desde un principio queda integrado nas formas de relacionarse os habitantes da casa e probablemente faga todo máis doado.

Claro que para facer todo isto as nais e os pais teñen que estar concienciados de que iso é importante e pode evitar que os seus fillos e fillas pasen demasiado tempo con pantallas en detrimento de outras cousas moito máis proveitosas.

Tamén sería interesante que a nivel institucional se fixera algo ao respecto, pero aí xa pode haber demasiados intereses económicos/políticos que impedirían tomarse o tema en serio.

E ademais está o tema das posibles secuelas (bastante investigadas a día de hoxe): por exemplo os síndromes de falta de atención e as dificultades nas relacións sociais, por dicir só dúas.

Vamos, que as pantallas poden aportar beneficios en algunhas circunstancias, pero como din os anuncios de bebidas alcohólicas: “recoméndase o consumo responsable”.

78 views1 comment

Recent Posts

See All

2 Comments


Carlos Vila García
Carlos Vila García
Jan 29, 2021

Pois creo que si, pero nada é fácil.

Like

isfergon84
Nov 09, 2020

Totalmente de acuerdo y si todo el entorno familiar de los niños apoyaran más ese consumo responsable, la cosa iría mucho mejor y sería más fácil afirmarse en la postura de contención.

Like
bottom of page