top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Repito, repito, repito, repito…

Non falo de comer, sería una indixestión asegurada e en toda regra, pasoume a min unha vez de rapaz e pasei 8 anos! sen poder comer polbo, foi unha desgraza enorme! Non llo desexo a ninguén querido.


Ben, non é sobre a comida do que falo, está claro, estou a falar de como actuamos moitas veces cando estamos en modo “solucionar un problema”.


Hai momentos en que algo nos incomoda ou molesta, ou directamente nos jode finamente a vida, e nese momento decidimos que temos que facer algo ao respecto. Aí realmente, nese momento de dificultade, ábresenos un abanico (máis ou menos grande) de posibilidades. Si, falo de distintas opcións; entre dúas e varias, case sempre máis de unha fixo, todo é cuestión da amplitude de miras. Creo que é raro, moi moi moi raro, que só haxa unha opción ou solución para atallar ou remediar unha situación problemática. Realmente unha única opción sería unha merda, porque se non damos con ela, apaga e vámonos.



Aínda así, a pesar das diversas posibilidades de actuación, é moi común que nos quedemos coa primeira cousa que se nos ocorra, ou coa primeira cousa que nos recomende alguén a quen consideramos que ten status suficiente para facer “boas recomendacións” (ben, tamén a desesperación pode facer que aceptemos case calquera cousa que nos digan).


O seguinte paso é levar a cabo o plan solucionador. Cando o levamos a cabo, vai ser porque consideramos que pode funcionar, ou ás veces porque estamos ata o cu, e atascados, e non se nos vén outra cousa á cabeza.


Nese momento en que o levamos á práctica poden suceder dúas cousas: que funcione ou que non funcione (hai máis posibilidades, pero vou ao máis básico). Se funciona: marabilla! Se non funciona: decepción!


Centrándonos na non funcionalidade, poden pasar varias cousas:

  • Desbotamos esa solución.

  • Intentamos unha variación.

  • Seguimos probando.


Se optamos pola primeira posibilidade, vémonos obrigadas a seguir á procura de solucións. No segundo caso (que se nos ocorra probar unha variación), parece que resulta un traballo máis sinxelo que buscar algo novo e totalmente diferente ao probado antes e, vai ti a saber, incluso pode que funcione... E outra posibilidade pode ser seguir probando. E neste caso, se continúan sen verse resultados aceptables, igual o que facemos é aumentar a intensidade da solución intentada.


A esta última posibilidade -seguir probando- é á que me refiro no título do post, cando probamos un intento de solución e aínda que non funcione volvemos probalo. E logo volvemos probalo de novo. E despois outra vez, e logo outra, e outra, e outra,........ E outra. E en moitas ocasións como non vemos que funcione aumentamos a intensidade un pouco máis , e logo un pouco máis aínda.


Hai un dito que di: “O ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra” Joder, se fora así xa nos podiamos dar cun canto nos dentes. Só dúas veces!? Firmaba fixo!


Creo que está bastante claro para calquera cando algo non está a funcionar, pero iso non quita que aínda que segue sen funcionar sigamos emperrados en que iso si DEBERÍA funcionar. Fiámonos dunha lóxica que consideramos inamovible (joder! Para iso é lóxica, ou non?).


Cando buscamos unha solución a algo é moi común recorrer a solucións antigas ou aprendidas na infancia ou en momentos previos da nosa vida. Ou simplemente vimos que a Fulano deulle resultado. Aquí é importante ter un par de datos moi en conta: hai cousas que valen nun momento e igual non valen noutro, e hai cousas que valen para unha persoa e non para outra.


Estou de acordo en que tamén hai que ter en conta que ás veces algo non funciona á primeira e hai que dar un pouco de cancha aos intentos, non vas deixalo á primeira. É algo básico que sempre digo en terapia. Pero obviamente tampouco debes eternizarte repetindo e repetindo se está claro que non vale despois duns cantos intentos.


Vexo con certa frecuencia que as persoas tenden a perpetuar os intentos de solución inútiles, e estou convencido de que non son conscientes porque a lóxica que manexan di que debería funcionar por narices, e seguen a probar porque nalgún momento funcionará (?????).


Tamén é bastante frecuente que as persoas digan: “é que xa probei de todo!”, e a continuación enumeren as solucións. Por exemplo no caso dun fillo ou filla ben rabudos: “xa probei a berrarlle, castigalo, quitarlle a consola, non deixarlle quedar con amigos, quitarlle a asignación...” Este é o caso que antes comentaba de intentar unha variación; pero non sei se vedes que en realidade segue a ser a mesma solución sempre...


O que está CLARÍSIMO, coma o auga máis cristalina que poidades imaxinar, é que cando algo non funciona non che queda outra que facer algo realmente diferente ao que levas tempo facendo, porque se non o asunto vai seguir igual e o máis seguro é que incluso empeore.


Recoñezo que pode non ser fácil, aínda que sempre pode haber quen axude.   

19 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page