top of page
Search
  • Writer's pictureCarlos Vila García

Se tes gafas... Úsaas (se che parece)

Updated: Oct 18, 2021

Teño un amigo vasco que tivo que poñer gafas cando era rapaz. El non notaba demasiado que vira mal, cousa normal cando vas perdendo algo de visión e de forma moi lenta, xa que acabas acostumándote a que esa é a túa forma de ver. Pero nunha revisión oftalmolóxica rutinaria detectaron certa miopía e recetáronlle unhas gafas. As gafas moito non lle gustaban (odiábaas) e non as usaba, aínda que normalmente as levaba enriba, por si acaso, dicía (e porque o obrigaban...).


Era afeccionado ao fútbol e sempre ía aos partidos do equipo local. Co tempo empezou a pensar que, ou se sentaba moi lonxe ou algo raro pasaba pois non entendía ás veces o ruxir da afección. Isto déulle que pensar. Entón un día estando nun partido cuns amigos estes escoitaron: -“Hostias! Así se ve?”-, e ao mirar viron ao meu colega que por fin decidira poñer as gafas e flipaba coa imaxe nítida e perfecta que lle proporcionaban.

Custóulle tempo decidirse a usar as gafas, pero unha vez vistos os beneficios decidíu que non era tan mala idea, todo sería acostumarse, pensou. Acostumouse. Segue con elas.


Nalgunhas ocasións temos a posibilidade de mellorar situacións incómodas ou desagradables, pero por diferentes motivos non nos decidimos a usar os medios que temos ao noso alcance, a pesar de que sabemos que é posible que eses medios efectivamente sirvan ao noso propósito. Pode ser por simple rixidez -Non, se nunca tiven que chegar a facer... non vou empezar agora-; porque non estamos cómodos facendo cousas novas -Eu probaría pero non me vexo facendo... entón prefiro deixalo de momento, non son eu moito de facer cambios-; porque pensamos que igual probamos e non serve para nada –Pois para que vou probar... igual fágoo e despois non dá resultado-; ou porque de non usalas, xa non lembramos que levamos as gafas connosco.


Realmente, ao final, é cuestión de valorar se estamos tan mal como parece. O ser humano ten un aguante e unha resistencia tan grande ás veces, que a pesar de ter a posibilidade de cambiar unha situación (ou polo menos cambiar como se vive esa situación) seguimos aturando o que nos boten nunha especie de inercia que nos mantén ben quietiños, non vaia ser... É o típico “máis vale malo coñecido que bo por coñecer” da sabedoría popular (que moi sabia non é moitas veces, neste caso resignada si, pero sabia...).


Cando algo funciona de xeito que non nos gusta non está de máis probar cousas distintas que se atopan ao noso alcance pero que descartamos porque nunca o fixemos, ou non nos vemos facendo tal cousa, ou porque parece ridículo... Aínda que tamén cabe a posibilidade de que a situación todavía non sexa tan desagradable como para poñernos as gafas.

87 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page