top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Similia similibus curantur

Updated: Oct 2, 2023

Moitos non o saberedes, pero cando estaba no Instituto estudei latín. Ben, agora xa non lembro case nada, e iso que aínda traducía textos curtos en COU... pero bastante ben traducidos, non como o famoso “César, dunha hostia, enviou aos seus soldados ao porto”, ou a famosa frase dos gladiadores “Ave Caesar, morituri te salutant” traducido como: “As aves do César morrían por falta de saúde”. O encabezamento do post en latín pareceume que quedaba ben, como de tío culto...


O título pode parecer un conxuro de Harry Potter pero (que eu saiba) non o é. O que ven dicir a frase é que “o similar é tratado por algo tamén similar”, ou igual de modo máis claro: “o mesmo que provocou un mal, pode curalo”.


Ben, existen bastantes situacións nas que isto é aplicable e que xa se coñecen desde hai moitísimo tempo (de aí que exista unha frase para referirse a elo, e ademais en latín).


É coñecido pola maioría de nós que hai certas substancias que poden causar desde molestias ata efectos gravísimos no organismo, ou incluso a morte. Pero eses mesmos produtos poden ocasionar efectos ben distintos; desde certa sensación de benestar ata a mellora de determinados síntomas que poden ir de leves a graves, etc. Uns efectos ou outros van deberse ao tipo de produto e o efecto que se busque, á cantidade que se use, e a algunhas variables máis.



O tema ven de lonxe, por exemplo no século I a.C. (e pódese ir aínda máis lonxe tamén) un médico grego (Euforbio) fala dunha planta (Euphorbia) que se usaba como veleno para as frechas. Xa entón usábase a mesma planta como antídoto para as mordeduras de serpe e máis cousas. Por certo, a ese mesmo médico matárono cunha frecha envelenada con dita planta, parece ser. Voltas macabras dá a vida.


Hoxe en día seguen a usarse substancias que están consideradas velenos, como medicinas. Probablemente, debido á situación actual de pandemia das narices, a moita xente lle veña á cabeza o descubrimento das vacinas, que nun principio estaban baseadas nese mesmo concepto. Tamén a controvertida homeopatía tira por ese camiño. Son cousas, parecidas entre elas (tóxicos), que se poden contrarrestar tamén entre elas dependendo de factores como as cantidades ou a “calidade” da substancia.


Ben,aínda que igual lle din unhas cantas voltas, todo isto do que falo tamén ten que ver coa psicoloxía.


Por exemplo, determinadas formas de comunicarnos cos demais poden producir uns efectos bastante chungos a nivel psíquico: o maltrato verbal, a continua forma machacona de menosprezar a alguén, as burlas persistentes, a ridiculización ante outros... Un montón de perrerías que ás veces nos facemos as persoas unhas a outras. Tamén determinados niveles de estrés causados por diferentes problemas que podemos ir atopando na vida poden afectarnos das formas máis curiosas e incómodas imaxinables.


Con todas estas merdas incluso podemos chegar a sufrir consecuencias físicas: caída de pelo, os máis variados problemas na pel (si, a pel éche moi dada a padecer os efectos do estrés), tremores de mans,dores de cabeza, perda ou aumento de peso, dificultades de atención ou concentración, etc. Por sorte, isto, que chamamos “somatizar”, aínda que poda ser ata certo punto algo habitual, polo menos non chega na maioría das ocasións a ser demasiado grave. Aínda que tamén pode depender da importancia que se lle dea, emparanoiarse pode axudar (a manter os síntomas, non a deixar de telos, obviamente).


Todas estas consecuencias poden aparecer tanto polo estrés derivado de distintos problemas, como por determinadas condutas ou polo uso da linguaxe (tanto a verbal como a non verbal) que fan outras persoas. Pero seguindo o título do post: “similia similibus curantur”, hai que dicir que tamén grazas á linguaxe e á forma de comunicarnos e actuar podemos conseguir o efecto contrario ou reverter danos xa feitos tamén por ese medio.


Tamén en moitas ocasións dáse o caso de poder utilizar os mesmos medios polos que pretenden danarte como contraataque para deixar calados aos que decidiron fastidiarche o día. Como cando uns críos se meten con outro dicíndolle tal cantidade de “lindezas” que o pobre o pasa fatal, pero descubre (ou lle axudan a descubrir) que unha boa contestación pode deixar mudos aos que querían amolalo... (O que a ferro mata a ferro morre).


A psicoterapia, entre outras cousas, utiliza este mesmo principio de similia similibus curantur: o mesmo que creou unha situación pode ser usado para solucionala.


Polo tanto, igual que un veleno pode matarnos ou enfermarnos de mala maneira, e outro veleno adecuadamente administrado pode curarnos; tamén o uso axeitado das palabras, a conversa, levar a cabo determinadas condutas ou poder chegar a “cambiar o chip” (ver a situación de forma distinta), pode así mesmo cambiar ou reverter situacións creadas por accións ou discursos de outras persoas.

36 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page