top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Tempos modernos

Un conxunto bastante importante das persoas que veñen por Claves acaban aquí  polo que elas describen como “ansiedade”. Aquí entraría un conxunto enorme, e variado, de vivencias e sensacións pero que manterían en común unha maneira de sentir, unhas sensacións que se poden cualificar de malestar psicolóxico e incluso certa angustia. Vai da man o feito de que en ocasións non teñen nin puta idea de que é o que lles está pasando, quero dicir, que nin sequera se lles ocorre, por moitas voltas que lle dean, porqué se senten así. E iso contribúe tamén, e moito, ao malestar.


Isto último é importante (non saber que está pasando), porque o cerebro humano ten a tendencia a buscar explicación a todo, absolutamente a todo o que percibe, e cando non atopa algunha explicación medianamente coherente, non lle gusta nada. Ben, é certo que algúns e algunhas, ás veces, pasamos de darlle mil voltas ou non buscamos como tolos unha explicación, pero a tendencia habitual é intentar atopar algo que explique o que sexa que nos pase: pensamos que así imos estar máis tranquilos. Pero iso pode ser una trampa, pois ben pode ocurrir que o pasemos peor dependendo da conclusión á que cheguemos nós mesmos ou a que nos dean outros, sexan expertos no tema ou non. E se non chegamos a unha conclusión “válida”, case sempre a busca segue e segue...



As persoas que están en perigos claros como a falta de alimentos, miseria, guerras, enfermidades sen acceso a tratamentos, maltrato físico ou psicolóxico, etc., esas persoas saben claramente porqué están mal, teñen identificada a fonte principal do seu malestar. Os seus cerebros teñen bastante certeza ao respecto, teñen unha fonte menos de dúbida.


Os que non estamos en situacións tan extremas tamén nos atopamos mal en moitas ocasións porque podemos ver con certa claridade, por exemplo, que algo no noso traballo nos está jodendo a vida; ou que estamos tristes porque a relación con un ser querido está indo como o cu; ou que non nos gusta como facemos algo pero non sabemos como facelo diferente; ou que nos gusta e nos atrae alguén que non mostra sequera a máis mínima idea de que existamos; ou que experimentamos cousas que parecen ser moi raras porque non vemos ou non sabemos que tamén lles pase a outros... Ata aquí, en principio, movémonos no rango de cousas das que temos algunha certeza.


Pero ademais está ese conxunto de sensacións e emocións que ás veces temos e non sabemos moi ben a que poden deberse porque parece que non haxa nada que vaia tan mal nas nosas vidas como para ocasionar ese malestar. É o grupo dos que teñen unha vida relativamente acomodada, ou incluso bastante relaxada no económico (comen ben, teñen bo sitio onde durmir e vivir, poden mercar cousas, teñen un traballo...), pero obviamente tamén poden estar mal, e de feito tamén o están.


Resulta que ese malestar indefinido pode ser simplemente a vida, porque a vida nunca foi nada fácil para a inmensísima maioría dos mortais en ningunha época da historia, salvo quizais para eses poucos privilexiados que sempre tiveron os cartos e o poder... pero é bo saber que tamén eles poden estar ben jodidos en algún aspecto (polo menos estar jodido ten o seu punto democrático).


Tal como funciona a nosa sociedade actual é parte da clave de certo malestar e ansiedade: gran competitividade, presión continua, trepar e ser mellor que os demais... Hai unha serie de regras establecidas, cánones ou ideais sobre como comportarse ou que facer, que moita xente intenta levar a cabo para sentirse dentro da normalidade, e iso pode facernos sentir bastante mal e aumentar co tempo ou as circunstancias, e moitas veces as persoas non son capaces de identificar esas situacións.


Establécense formas estereotipadas de comportamento que se supón debemos levar a cabo para encaixar e ser “normais”: traballar sen descanso se é necesario, e nas condicións que nos impoñan; asumir que o que din os medios de masas é así, tal cal; non protestar nin ser críticos porque resulta molesto e non é de bos cidadáns... E por suposto, ter máis, consumir máis produtos ou servizos (que vale, hai que manter a economía, pero non a costa do que sexa e para enriquecer a 4 monas).


 E así, cando temos algo que está ben, unhas boas condicións de vida, algo co que estariamos tranquilos e relativamente contentos, zaca! resulta que “necesitamos” outra cousa máis. E podemos atoparnos con que cando acadamos algo que buscabamos, estamos igual, ou case igual de jodidos que antes de telo. Aí podemos empezar a ter unha ansiedade que non entendemos e non nos parece normal aínda que busquemos con lupa.


Creo que é importante saber que moitas veces o imposto como “correcto” pola sociedade pode non ser tal: ter que mercar tales produtos ou tales servizos porque o fai todo o mundo ou porque está “de moda”, actuar dun xeito determinado nas redes sociais, aturar comportamentos inadmisibles a outras persoas porque “é así” (como patróns, políticos, xerarquías en xeral, etc. etc.).


Non existe un único xeito correcto de comportarse, e non temos que facer algo “porque o faga todo o mundo”. Non deberiamos ser tan borregos da sociedade moderna se iso nos causa un malestar tan importante como para jodernos psicoloxicamente.

21 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page