top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Terapias efectivas: descontinuas e non universais

O título do post parece raro raro para o que aquí é habitual, é como moi de “experto e especialista en algo do que vós non tendes nin puta idea e eu si”. Nada máis lonxe das miñas intencións usar xergas ou palabros de “experto”, fuxo diso, pero pareceume divertido.


Basicamente quería falar algo por enriba sobre a gran variedade de opcións que hai para resolver/cambiar/aliviar/reducir (etc) un problema ou dificultade.


Teño un moi bo amigo, de antigo, de troulas de rapaces, incluso “familia política” por un tempo (hai séculos), que tivo un problema de saúde que lle cambiou bastante a vida.


O asunto é que a raíz dese problema houbo cambios importantes no seu día a día, nada superficiais, senón de fondo. Tivo que deixar o seu traballo, deixou de facer exercicio como facía (practicaba distintos deportes, corría varias veces por semana, etc.). Obviamente este cambio radical na forma de vida, máis a preocupación de que hostias lle pasaba e o que lle podería deparar o problema médico, pasa factura, e grande, a nivel psicolóxico.


Ao principio era todo unha merda, supoño. Cando falaba con el estaba fodido pero ía tirando e mostrábase bastante animado ata onde podía. Despois tamén seguía sendo unha merda, supoño (estás enfermo, non sabes moi ben que pasa, nin a posible evolución, e a túa vida cambiou), pero xa ía parecendo todo máis fácil de levar por como era o seu discurso.


Realmente el fixo unha labor da hostia a nivel mental en como percibir a situación e vela desde un punto de vista máis útil e levadeiro. Non sei que recursos e apoios lle axudaron en concreto porque vivimos a bastante distancia, falamos de cando en cando, e aínda que nos vemos uns días un par de veces ao ano, tampouco me poño con el moi en “modo psicoterapeuta”, nin escarvo moito nos problemas (por moita curiosidade que teña).


En algún momento si me comentou que ía facer unhas sesións de determinada terapia con outras persoas, con formato curso ou semellante, creo. Máis adiante falando disto contábame os beneficios que ía vendo e como estaba repercutindo na súa vida cotiá, e non só respecto ao directamente relacionado co seu problema médico. Eu notábao bastante, e as súas persoas achegadas máis aínda.


O feito é que eu son bastante crítico con moitas cousas, e el sábeo. -Un inciso: ser crítico con todo paréceme primordial, é unha ferramenta imprescindible que axuda a ser máis aberto mentalmente e contemplar moitas máis opcións; falo de ser crítico no sentido en que está ben non quedarse de primeiras co que te contan sen cuestionalo (aínda que só o fagas a nivel persoal e non o verbalices). Fin do inciso...- O meu amigo contábame como cambiara cousas, ata o punto de que actuaba de formas moi diferentes que lle axudaban a ter moita máis calma, non mosquearse un puñado con determinadas persoas ou determinadas cousas, levar a vida máis relaxada e sentirse máis tranquilo en xeral. Pode que se pensara que igual ía criticar a saco a terapia en cuestión, pero aínda que eu non fago ese traballo en concreto, opino que todo debe valorarse segundo os efectos que teña en cada persoa, e se realmente axuda, e esa persoa o vive así, pois está ben (aínda que poida seguir sendo crítico igualmente).



Por exemplo, neste sentido esta semana pasada falaba en sesión cunha persoa a quen lle dixeran (xente da rama médico-sanitaria) que un determinado comportamento que levaba a cabo, non podía axudarlle a estar mellor animicamente, porque non era científico nin había estudos que o demostraran... típica cerrazón hipercientifista; comentáballe eu que se hai alguén a quen chupar unha pedra faino sentir mellor, pois adiante, que chupe unha pedra...


As terapias ou calquera cousa que a alguén lle funcione para solucionar unha situación e non prexudique, nin sexa claramente mala para ela ou a súa contorna (vénseme á cabeza o típico timo de “maestros” e “profesores” que se aproveitan da desgraza e a desesperanza da xente), estará ben para esa persoa. Porque tampouco hai que fliparse e andar pregoando que iso é a solución para todo o mundo. A uns válenlle unhas cousas e outros outras, non existe nese aspecto unha universalidade; o mindfulness, ou as constelacións, ou calquera terapia parecida ou moi distinta, sexa cal sexa, non valen para todo o mundo, pero hai persoas que melloraron moitas cousas despois da súa práctica. Non se poden meter as cousas con calzador nin crer que son infalibles. Algo que valeu para alguén non quere dicir que teña que valer para outra e para todas.


Ademais sempre pode haber certa descontinuidade no sentido en que as melloras poden durar moito tempo, pouco, pode cambiar a porcentaxe de mellora, etc. Vai depender do que estea acontecendo ao redor, de se as melloras son aplicables a algo moi moi concreto ou teñen validez para moitas situacións (isto é algo bastante básico e importante para que perdure o cambio), e moitas variables máis que sempre andan pululando.


Unha terapia efectiva é a que consegue o que busca a persoa afectada; os efectos poden non durar permanentemente ou funcionar por épocas si e por épocas non -a vida é tan complicada que sempre poden aparecer historias-, e clarisimamente non hai ningunha que funcione en todo dios.

26 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page