top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Ximnasia mental


Existe unha tendencia, sobre todo en determinadas datas do ano, a poñerse “en forma”. Á xente gústalle estar guapa para certas ocasións, lucirse (ou como mínimo “non deslucirse”) ou, en xeral, notarse máis en forma. Para isto é mellor intentar levar unha vida saudable: facer exercicio e comer ben (isto último paréceme algo máis difícil que hai uns anos, cada vez hai máis merdas nos alimentos, e os que supostamente non teñen moita, si que teñen danos colaterais importantes como socavar a nosa economía de xeito bastante notorio).


Isto de poñerse en forma haberá quen o faga por estética, haberá quen o faga por saúde e haberá quen o faga pensando nas dúas cousas. E todas están ben. É importante gustarnos a nós mesmos en todas as facetas posibles, e cada un ten as súas preferencias. Cada quen elixe a que lle dá prioridade: a como se vexa cada un e como quere que o vexan os demais, a como un se sinta no plano das capacidades físicas e da saúde ou a ámbalas dúas, pois a maioría das veces o que facemos nunha das facetas repercute na outra e incluso a complementa.


Pois todo isto está moi ben, non teño ningunha pega que poñer, cada un fai segundo o que lle pareza e apeteza.


Ben, igual si hai algunha posible pega, non ao que acabo de dicir, non fago crítica a coidarse e buscar sentirse ben, pero ás veces descoidamos un aspecto moi importante: o músculo que temos entre as orellas... os miolos, vamos. Ben, músculo non é pero en moitos aspectos funciona como se o fora.


Igual que o resto do corpo, tamén é bo coidar a marabilla que temos no cranio. En realidade estase a exercitar continuamente, dá igual o que lle demos para facelo, e incluso como se non lle damos nada, el está a traballar sen descanso, aínda que sexa nas súas rutinas cotiás. Pero igual que temos esas épocas de coidarse das que falaba ao principio, ao cerebro tamén lle vai ben a “operación bañador”. En realidade é mellor non facelo só de cando en vez nalgún momento do ano, senón coller o costume de facelo decotío para poñelo en forma, mantelo e non perder facultades.


Como xa digo, ao cerebro válelle o que sexa, pero é moi bo para el saírse do habitual (e simplemente chega cuns poucos minutos ao día). E como lle vale o que sexa pódese facer en calquera momento morto, só é cuestión de imaxinación.

Imaxe de Urhan TV en Pixabay


Non hai porque restrinxirse só a apps de brain-training (que non están mal algunha vez pero é bo usar tódolos recursos que poidamos e non limitarse só a exercicios virtuais), tamén hai moita literatura práctica sobre o tema (e nas bibliotecas pode haber xente encantadora que te axude a atopar o que buscas).


Hai infinitas posibilidades: usar a man non dominante de cando en vez; contar cara atrás (ou cara adiante) de tres en tres, ou de sete en sete, ou alternado: menos tres, menos sete, menos tres, menos sete...; deletrear unha palabra ao revés, ou deletrar saltando unha letra si outra non; memorizar calquera cousa: matrículas, listaxes, números de teléfono...; fixarse con extrema atención en calquera cousa e intentar recordala máis tarde coa mellor minuciosidade posible, como se tiveramos unha foto; facer as contas das voltas do super de cabeza (non vale con dedos); intentar facer algo a cegas; imaxinar superdetalladamente algo inventado por moi fantástico e surrealista que sexa; facer a compra sen listaxe (unha vez xa un pouco entrenados, mellor, se hai moito que mercar); contar a xente en movemento nun espazo determinado sen repetir a ninguén; inventar adiviñas... Eu que sei, CALQUERA COUSA.


Asegúrovos que en non moito tempo nótase. Durante un ano e medio traballei nun centro de dano cerebral axudando á rehabilitación cognitiva dos pacientes que me asignaban (había gran variedade de niveis de dano cerebral) e todo o que lles pedía facer aos meus pacientes tamén o facía eu (podía pasar de todo, non tiña por que facelo pero parecíame interesante, entretido e estimulante aparte de “ético”, poderiamos dicir). Ao mes e pico de traballar alí non necesitaba mirar o directorio do móbil para poder chamar a polo menos 20 ou máis dos meus contactos máis usados, flipábame resolver historias enrevesadas que antes nin me interesaban, cando me lembraba intentaba usar a man esquerda como se fora a dominante... Notaba perfectamente a mellora nesas habilidades. E molaba.


Unha cousa moi boa que ten o cerebro, e na que se parece aos nosos músculos, é que despois de tempo sen exercitalo (quero dicir a maiores do que fagamos de forma habitual un día normal) podemos volver aos niveis de “alto rendemento” cunha simple posta a punto duns poucos días ou semanas. Iso tamén o experimentei.


Ademais é totalmente gratis, non necesitas roupa especial nin aparatos e, por suposto, tampouco un espazo determinado para facelo.


A ver, non todos somos iguais, o que vale para uns pode non valer para outros, co cal a uns pode levarnos máis tempo que a outros, ou faremos mellor unhas tarefas que outras, pero os beneficios de calquera exercicio acaban notándose si ou si, tanto a nivel físico como mental.


Aparte do simple pracer de mellorar está o tema dos beneficios a longo prazo, igual que a nivel físico é máis probable manter un bo nivel cos anos se facemos exercicio a diario, todo este tipo de entrenamento mental pode retrasar o envellecemento cerebral, e evitar que se nos vaia a pinza antes de tempo.


Teño que dicir que o exercicio físico por si só tamén é moi beneficioso para o cerebro, pero por que quedarse só aí? O ideal sería coidar tódalas facetas: exercicio físico, mental e alimentación (ao final somos algo global) aínda que iso sempre é opción de cada un. Pero insisto, se probades eu creo que a todos e todas vos vai gustar, mellorar sempre da gusto.

42 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page