top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

Aguantando... aguantando...

Non é estraño, é posible que incluso sexa habitual, que ao longo da vida se nos aparezan situacións incómodas que non sabemos moi ben como atallar e sufrímolas co mellor talante posible. Aguantamos a chaparrada podería dicirse. Pero a pesar de que a aguantamos, mollar, mollámonos o mesmiño.


Quizais ante esa situación incómoda si que se nos ocorre algo para atallala, pero non nos atrevemos a probalo porque prevemos que as consecuencias nese contexto (en clase, no traballo, en reunións familiares, onde sexa) poden ser moito máis incómodas aínda.

O bo pode ser que zafemos ese momento dunha forma que pareza máis ou menos “elegante”, o malo será que, seguramente, nos quedou o mal rollo e incluso pode que o levemos a outro contexto diferente que non ten nada que ver.


Lydia Valentín, Xogos Olímpicos de Londres 2012


Vou coller prestado un caso que en certa ocasión contou un formador e psicólogo que coñezo: un home foi á súa consulta porque case todo o tempo que pasaba coa familia, que durante a semana normalmente era despois do traballo, era un sindios; berraba con eles, discutían, evitábanse, falaban moi pouco, non botaban unhas risas coma antes... El antes non era así e non quería que a cousa seguira como estaba. El vía a situación como que en ese momento, e polo que fose, non aturaba aos que eran os seus seres queridos.


Falando sobre un montón de aspectos, saíu o tema do traballo, onde tiña que aturar a un xefe cabrón que agoniaba continuamente aos seus empregados. Este home ademais traballaba de cara ao público e tiña que aturar aos clientes, e uns eran encantadores pero outros uns petardos e prepotentes. Engadíaselle á situación que tamén tiña que lidar cos provedores do negocio, e algúns eran bastante impresentables á hora de cumprir coas datas acordadas. O tipo estaba ata os mesmísimos e cando chegaba a casa a mínima cousa que saía torcida, ou non era do seu gusto, facía que estoupase e montaba un cristo enorme.


O que cambiou a situación foi que se deu conta de que non chegaba a casa e estoupaba con eles porque si ou por que non os aturaba, se non que acumulaba merda todo o día (porque no traballo non sabía ir soltando lastre) e soltábaa toda ao chegar a casa. O problema en realidade non era tanto na casa, como el pensaba, máis ben era no traballo. Atoparon a forma de ir abrindo a espita ao longo do día e así chegaba a casa sen toda esa tensión acumulada que xa non aturaba e que o facía rebentar.


Unha situación algo parecida, pero nun contexto diferente, é o que lle pasou á miña curmá de cañas (a curmá coa que quedo para tomar unhas cañas de cando en vez, quizais a aclaración non era moi necesaria): ergueuse unha mañá cun cabalo impresionante, e obviamente non falo dunha besta nin da droga que causaba estragos nos 80, se non da “dor muscular no pescozo, que impide mover a cabeza con normalidade”. O feito é que era tan chungo que tivo que ir ao PAC e estivo varios días a valiums (nunca tivera eu noticia de cabalo tan forte... eu flipaba). Comentáballe despois a súa fisio que o máis probable fose que como levaba varios meses fastidiada dun ombro foi cargando, pouco a pouco e inconscientemente, a musculatura do pescozo para non usar tanto a do ombro. Acumulou tensión por unha situación incómoda, sen descargala de ningún xeito, e acabou pasándolle factura noutro ámbito: para non escarallar máis o ombro acabou fastidiando o pescozo, e de xeito bastante máis intenso. En certo modo é unha situación análoga ao tema do que estou falando.


As consecuencias deste tipo de movidas son que o estrés que nos causa un suceso conseguimos aturalo ou aprazalo, pero nalgún momento desborda e pode salpicar a quen non ten relación ningunha coa situación de estrés orixinal.


É por esa cultura de “aturar o que che boten enriba” que tanto teremos mamado moitas e moitos de nós, que non sei moi ben de onde ven pero que ten toda a pinta de ser o que aprenden os que están baixo o poder de outros que mandan en determinado ámbito. Achantar e calar.


O peor é que esas circunstancias, á inmensísima maioría, non nos esvaran como se tal cousa, se non que en aparencia aturamos pero imos cargándonos de mal rollo e cargándonos e cargándonos... e ao final nalgún momento rebentamos.


Ben, entendo que o mundo é así (por desgraza) pero cando se dá unha situación semellante, creo que a máxima aprendida polos puteados de “aturar o que che boten enriba” debería ir acompañada de máis recomendacións, como por exemplo “se queres aguantar, aguanta, pero non acumules moita tensión xunta, descarga cada pouco”. E hai que ter en conta que para isto (como para case todo) hai mil formas diferentes, non hai porque ir polo camiño que parece o máis directo.


Aguanta que te aguanta podes conseguir un record co que alguén pode quedar impresionado, pero chega un momento en que sempre estoupa e acaba sendo bastante peor.

32 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page