top of page
Search
Writer's pictureCarlos Vila García

*@#%E* COVID!!!

Coma todo o mundo, eu tamén estou bastante farto do *@#%E* coronavirus. É un tema tan inevitable hoxe en día que, aínda que nunca pensei que fora escribir algo sobre el, aquí me tendes tamén a min tocando o maldito tema... Pero vai ser a única vez (isto nunca se debería dicir porque adoita pasar o contrario e logo quedas fatal).


Os seres humanos temos determinadas características definitorias, entre elas: necesitamos saber. Por exemplo, saber que pode pasar para preparar plans axeitados. Entón, cando cremos que xa sabemos, e dependendo das informacións que temos, preparámonos desta ou doutra maneira... Peeero, se as expectativas creadas pola información non se cumpren, entón ven o pao gordo que nos cae enriba.


O tema das informacións “deficientes”, “precarias” ou como queramos chamalas, pasa continuamente ao longo da historia por diversos motivos (mala idea, desinformación, ignorancia, “quitarlle importancia”, etc.). E está a pasar agora algo polo estilo co Covid, entre outros motivos (como por exemplo o sempre presente politiqueo) porque estamos ante algo novo que non sabemos ben de que vai; coma nun filme onde nos invaden os alieníxenas e non sabemos de que pao van: virán axudarnos, virán paparnos a toda a humanidade, a escravizarnos...?


Non saber, ou non manexar boa información déixanos un pouco indefensos. Sempre se dixo que a información é poder, iso está claro e ninguén o discutirá, pero tamén é algo ao que poder agarrarse cando estamos inseguros. Necesitamos algo que consiga calmar, dalgún xeito, a nosa cabeciña pero tamén ter coidado coas informacións que se manexan.

Foto de Personas creado por prostooleh - www.freepik.es


Como xa dixen, creámonos expectativas e cando fallan poden fastidiarnos finamente a existencia. Pero crearse expectativas é algo moi humano, a cuestión, ou máis ben o segredo, para non levarnos unha enorme decepción, é non ser demasiado ambiciosos ao imaxinar o futuro, nin esperar acurtar o tempo de resolución excesivamente. Poderiamos recurrir de novo ao famoso “Carpe Diem” entendido como: vive o momento tal como se nos presenta, paciencia e o que vaia pasar xa se verá. Por suposto que ese “vive o momento” non é en plan fin-do-mundo-sálvese-quen-poda e a tolear todo dios, hai que manter as recomendacións, coidarnos e coidar aos demais.


O Covid é algo que está aí: como os residuos nucleares, todo o lixo que xeneramos, o capitalismo salvaxe ou calquera outra porcallada polo estilo, pero... que lle imos facer? Para atrás non podemos ir, entón só nos queda ir para adiante, non hai outra.


Por sorte a gran maioría de nós non está preparada para circunstancias polo estilo; vamos, que nunca pasamos por unha guerra, un gran desastre natural, outras pandemias... así que non temos experiencias traumáticas dese estilo e polo tanto non temos, en principio, a capacidade para afrontalo desde a experiencia previa, así que reaccionamos da forma máis lóxica ante circunstancias similares.


A situación é claramente estresante, moita xente está esgotada, o tempo pasa factura, por momentos podemos ter a sensación de que aínda que fagamos esto ou o outro non vai cambiar demasiado a situación. Iso fai que nos cansemos e pensemos se todo este traballo vale para algo.


E todo isto é raro ou está fóra do común? Pois non, non hai nada máis normal nunha situación así. En definitiva opino que o mellor que se pode facer é aceptar o excepcional da situación (non aceptalo non vale para nada) e facer a nosa vida o máis “normal” posible nestas circunstancias: apreciando o que temos, sabendo que as cousas cambiarán nalgún momento pero sen obsesionarnos por que sexa canto antes e afacernos á idea de que, de momento, isto é así. Non imaxinar a solución de hoxe para mañán, desacelerar un pouco.


Unha das claves é a calma, por moi fartos que estemos non ter présa pode ser unha das mellores formas de levalo e incluso a nosa percepción do asunto pode cambiar.

59 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page